Mananciais, balnearios e talasos sitúan a Galicia como referente en turismo termal
Por Redacción
Galicia é o principal destino termal de España. O número de mananciais existentes na comunidade supera os 300, o que a converte nunha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais.
A cultura galega está callada de lendas, de literatura e ata de cancións populares dedicadas ás súas augas. Xa os romanos souberon utilizar os seus moitos mananciais para mellorar a saúde, mais tamén para divertirse e relaxarse.
Os nosos balnearios contan cunha longa tradición como centros terapéuticos, de relax e de lecer. Tamén a auga do mar posúe múltiples beneficios para relaxar corpo e mente.
Nos talasos concéntranse todas esas bondades que nos ofrecen as augas mariñas, ademais de tratamentos con algas, barros ou sales mariñas.
Turismo de Galicia ofrece na súa web unha recompilación de experiencias turísticas termais para gozar de contornas privilexiadas dunha maneira diferente, a través da auga, conxugando o mellor de Galicia co descanso en balnearios e talasos.
BALNEARIOS DE COSTA E INTERIOR
Os balnearios, cuxos tratamentos se basean nas propiedades preventivas e curativas das súas augas mineromedicinais, pódense decantar pola vertente máis lúdica ou a máis terapéutica do termalismo, aínda que cada vez é máis frecuente que combinen ambas.
Durante a época dourada do termalismo, de mediados do s. XIX a comezos do s. XX, os balnearios galegos con máis tradición convertéronse en grandes centros sociais que congregaban a flor e nata da sociedade.
Desde hai uns anos os balnearios viven un segundo renacer. Moitos recuperaron a súa gloria de outrora incorporando instalacións de vangarda. Así atraeron un público máis novo que, ademais dos seus tradicionais fins terapéuticos, buscan uns días de acougo e coidados, aboando a idea de que non é preciso estar enfermo para ir a un balneario.
Outros establecementos abriron as súas portas ligados a hoteis de ata catro e cinco estrelas, coas últimas tendencias en tratamentos de relax, estética e saúde.
Os seus programas de estética, benestar e relax súmanse habitualmente aos destinados a previr ou tratar infinidade de afeccións, que variarán en función das indicacións do tipo de augas mineromedicinais con que conte cada un deles.
Son moitos os balnearios de Galicia situados na costa atlántica ou a poucos quilómetros do mar que permiten facer escapadas ás vilas costeiras e aproveitar todos os recursos turísticos destas contornas, onde a boa cociña mariñeira sempre está presente:
- Eurostars Gran Hotel da Toxa***** (O Grove) www.eurostarsgranhotellatoja.com
- Hotel Eurostars Illa da Toxa**** (O Grove) www.eurostarsisladelatoja.com
- Termas de Cuntis**** (Cuntis) www.termasdecuntis.com
- Balneario Acuña** (Caldas de Reis) www.relaistermal.com
- Balneario Dávila** (Caldas de Reis) www.balneariodavila.com
- Balneario Caldelas de Tui** (Tui) www.balneariodecaldelas.com
- Balneario de Carballo** (Carballo) www.balneariodecarballo.com
- Balneario de Mondariz**** (Mondariz) www.balneariodemondariz.com
- Hotel Balneario de Compostela*** (Brión) www.hbcompostela.com
As augas termais dos mananciais da Galicia interior permiten alternar tratamentos co turismo de natureza e gozar dunha ampla oferta gastronómica:
- Arnoia Caldaria Hotel Balneario*** (A Arnoia) www.caldaria.es
- Balneario Baños da Brea** (Vila de Cruces) www.balneariodabrea.com
- Balneario de Baños de Molgas* (Baños de Molgas) www.balneariodemolgas.com
- Balneario de Caldas de Partovia (O Carballiño) www.caldasdepartoviabalneario.com
- Balneario de Lugo - Termas Romanas*** (Lugo) www.balneariodelugo.com
- Gran Balneario do Carballiño (O Carballiño) www.balneariodecarballino.com
- Laias Caldaria Hotel Balneario**** (Cenlle) www.caldaria.es
- Lobios Caldaria Hotel Balneario**** (Lobios) www.caldaria.es
- Iberik Augas Santas Balneario & Golf**** (Pantón) www.iberikhoteles.com/hoteles/iberik-augas-santas-balneario-golf
TALASOTERAPIA NAS RÍAS BAIXAS
O nome de talasoterapia provén do grego 'thálassa', que significa mar, e 'therapeia', curación. A diferenza dos balnearios, que utilizan augas mineromedicinais, os centros de talasoterapia sérvense con fins preventivos ou terapéuticos da auga mariña e outros elementos da súa contorna coma algas, limos, lodos e ata o aire mariño, motivo polo que teñen que estar inevitablemente preto da costa.
Outro requisito fundamental destes centros é contar cunha tecnoloxía capaz de asegurar a pureza da auga captada e o seu constante reciclaxe. Esta auga, quentada a 37 ºC, facilita a absorción a través da pel de oligoelementos e minerais, polo que, ademais de hedonistas programas de relax e beleza, a talasoterapia está moi recomendada para recuperarse de traumatismos e intervencións do aparello locomotor, procesos reumáticos e desgaste articular, así como de afeccións respiratorias, cutáneas ou xinecolóxicas.
Galicia ten tres puntos de referencia en auga termal mariña, concentrados nas Rías Baixas:
- Gran Talaso Hotel Sanxenxo**** (Sanxenxo) www.hotelsanxenxo.com
- Talaso Hotel Louxo**** (O Grove) www.louxolatoja.com
- Talaso Atlántico**** (Oia) www.talasoatlantico.com