Cada fogar pontevedrés pagará 1 euro máis ao mes pola subida do canon de Sogama
Por Alejandro Espiño
Tal e como se anunciou previamente, o Concello de Pontevedra asumirá unha parte do aumento do canon que Sogama aplicará aos concellos galegos polo tratamento dos seus residuos. Non na súa totalidade porque segundo o goberno municipal sería "inasumible" actualmente. A subida do 33,5% de canon de Sogama supoñerá 525.000 euros adicionais na factura que paga Pontevedra. Deles, o Concello asumirá un 25%, uns 125.000 euros.
O resto, eses 400.000 euros, serán os que se repercutan no recibo dos cidadáns. Tómase como referencia a subida aconsellada pola Xunta de Galicia, cifrada en 12 euros ao ano, polo que cada factura bimensual aumentará dous euros. Cada fogar pontevedrés pasará a pagar 21,93 euros, en lugar dos 19,93 euros actuais. Esta subida do 10% na factura aplicarase a partir do próximo 1 de marzo.
Trátase, en todo caso, dunha subida que non só se aplicará aos fogares urbanos, preto de 31.000 segundo o rexistro municipais (os do rural teñen unha redución do 45%). Eses dous mesmos euros, neste caso un 5% da factura actual, subirase a comercios, despachos profesionais, vivendas en construción e salóns de peiteado. Neste último caso, segundo Raimundo González, porque recentemente sufriron un aumento "moi forte" do IVA, ao pasar do 8 ao 21% e trátase de amortiguar este efecto.
As oficinas e despachos profesionais (845 rexistrados en Pontevedra) pagarán 38,01 euros cada bimestre; mentres que tanto comercios (1.385) como salóns de peiteado (143) pasarán a pagar 41,87 euros cada bimestre. Neste caso, o seu aumento debería ser de 4 euros por bimestre, en lugar dos 2 que subirá finalmente. Así se consensuou coa AEMPE, asociación de pequenos empresarios coa que se negociou conxelar a taxa.
A mesma porcentaxe do 10% que se aplicará ás vivendas particulares é o que aumentará os recibos de lixo para outros establecementos como oficinas bancarias (52), que pasan a pagar 286,09; supermercados (103), que pagarán 225,15 euros; fornos e panaderías (23), que abonarán agora 298,34 euros; ou bares ou restaurantes (471 en Pontevedra), que pagarán 82,16 euros en cada factura bimensual.
Os garaxes (49) pagarán entre 51,98 e 128,13 euros en función de se teñen máis ou menos de 20 prazas; os hoteis e pensións (23), entre os 115,40 euros os de menos de dúas estrelas e os 285,26 os restantes; salas de festa (6), que pasarán a 286,91 euros; sanatorios e hospitais (8), que pagarán 570,53 euros; e os talleres e fábricas de menos de cinco empregados (83) 91,36 euros, mentres que se superan eses traballadores (97) pagarán 354,93 euros.
Ademais do 25% do déficit de recadación que xera esta subida do canon, Raimundo González recordou que o Concello de Pontevedra asume tamén de forma íntegra os custos indirectos da actual xestión de residuos, incluída toda a súa tramitación.
Relacionadas:
-
Pontevedra non baixará o recibo da recollida de lixo, a pesar da rebaixa do canon de Sogama
Por Redacción |
-
A xestión do 'tasazo' de Sogama enfronta ao BNG e ao PSOE no goberno local
Por Redacción |
-
Moreira esixe a Lores saber se Pontevedra seguirá tratando os seus residuos en Sogama
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra estuda fórmulas para reducir o impacto da suba da taxa de Sogama
Por Redacción |
-
Louro esixe a Lores que se una á fronte de alcaldes contra o 'taxazo' de Sogama
Por Redacción |
-
Lixo 'a prezo de ouro': ata un 20% máis pagaremos polo aumento do canon de Sogama
Por Alejandro Espiño |