'La mano de D10s', a colección de Natalia Belén de Roia, vencedora en Debut 2022
Por Redacción
Natalia Belén de Roia vencía na décimo quinta edición do desfile Debut, que se celebraba na noite deste venres 18 no Recinto Feiral do Pazo da Cultura. A súa colección na que recupera a súa vida en Arxentina e a paixón futbolística que se vive neste país sorprendeu na gala onde se presentaron as coleccións dos novos titulados no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda.
Lola Dopico, coordinadora do mestrao, amosaba a súa satisfacción pola volta á normalidade na presentación deste evento despois dos anos da pandemia. Nesta ocasión, doce novos titulados presentaron os seus traballos de fin de máster co premio principal, dotado con 3.000 euros, que recaía en 'La mano de D10s' de Natalia Belén de Roia mentres que 'Filandón', de Noemí Comesaña, obtiña o galardón ao maior valor artesanal ao recoller os tradicionais encontros de mulleres que contaban historias mentres realizaban traballos co fío.
Ao acto asistían Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; e as vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; e do campus de Pontevedra, Eva Lantarón. Segundo indica o DUVI, sobre a pasarela desfilaron 60 mozas e mozos que exerceron como modelos.
Dopico lembra que Debut forma parte dun proceso de experimentación e creación dentro dos estudos de Moda que se desenvolven en Pontevedra e que recollen numerosos referentes dentro dun traballo de investigación.
Coa pasarela conclúe unha semana dedicada á moda con obradoiros e mesas redondas. Antes do desfile realizáronse unhas Xornadas Técnicas de Recursos Humanos nas que o persoal titulado mantiña entrevistas con responsables de diferentes firmas de moda para estudar as súas opcións para integrarse no mercado laboral.