Pídenlle 6 anos de prisión por publicar un vídeo sexual en internet sen permiso da súa parella
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes 22 de novembro un xuízo contra un hombre acusado dun delito contra a intimidade, para o que a Fiscalía pide a pena de seis anos de prisión.
Diríxese a acusación contra un home que contactou con outro a través da aplicación de citas WAPO, acordando ambos quedar para manter relacións sexuais, nos meses de abril e maio de 2021, nunha vivenda de Pontevedra.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado preguntou á súa parella se podía gravar os encontros sexuais, ao que o seu compañeiro accedeu "a condición de que non se lle gravase a cara".
O acusado, así, realizou senllas gravacións, que posteriormente enviou ao teléfono móbil da súa parella, gravacións nas que efectivamente non se lle vía a cara, pero tamén, "vulnerando a intimidade" do seu compañeiro que nunca consentiu en que se captase o seu rostro, "procedeu a gravar enteiro o encontro sexual, que posteriormente subiu á páxina web Only Fans na que se atopaba rexistrado, cunha finalidade económica xa que obtiña un beneficio por cada visualización do devandito vídeo".
A súa parella decatouse dos feitos uns días despois, ao avisarlle un coñecido seu porque vira o citado vídeo na web e recoñeceulle.
Ademais da pena de prisión o Ministerio Público reclama que o acusado indemnice á súa parella na cantidade de 6.000 euros, polos danos morais.