'Caixas de ilusión', unha nova campaña que nace do espírito solidario da veciñanza de Poio
Por Redacción
Compoñentes de Moura Teatro e da Batucada Os Queimatasas unen forzas para dar vida a unha nova iniciativa de carácter solidario, que ten coma obxectivo colaborar co departamento de Servizos Sociais á hora de axudar a que as familias con menos recursos de Poio poidan gozar do Nadal cun sorriso.
Este grupo de veciños impulsa 'Caixas de Ilusión', unha campaña a través da cal apostan por reunir o maior número posible de alimentos non perecedoiros para entregalos ao Concello, de xeito que, posteriormente, sexa o departamento municipal o encargado de repartilo entre aqueles veciños que se atopan en risco de exclusión.
Tal e como apunta Silvia Ramírez, unha das impulsoras desta actividade altruísta, "para nós é un pracer axudar, o mero feito de poder colaborar para que algunhas familias poidan ver mellorada a súa situación a lo menos durante o Nadal é un premio".
A campaña estará activa desde este luns, 21 de novembro, ata o 18 de decembro.
Durante este período, distribuiranse as 'caixas da ilusión' que dan nome á iniciativa en todo tipo de establecementos. Nestes recipientes, a clientela destes negocios poderán depositar os produtos que consideren oportunos. Unha vez concluído o prazo, farase reconto de todo o reunido e será entregado a Servizos Sociais.
"Gustaríanos que se impliquen nesta campaña o maior número de locais posible. Todos os interesados poden contactar con nós a través das redes sociais de Moura Teatro ou dos Queimatasas", informa Silvia Ramírez, que explica que esta iniciativa naceu dun xeito totalmente inesperado.
"Logo de rematar un ensaio co grupo de teatro, comentamos que estabamos a percibir que xente do pobo estaba interesada en facer doazóns de alimentos. A raíz diso, o meu compañeiro Alberto Fernández, que forma parte tamén dos Queimatasas, tivo a idea de impulsar esta campaña, que confiamos en que sexa un éxito", relata Ramírez.
Os impulsores desta iniciativa solidaria teñen claro que "as necesidades de moita xente non son puntuais, senón que as padecen durante todo o ano, pero é certo que nestas datas é cando o interese da poboación medra á hora de colaborar neste tipo de actividades, polo que confiamos en que a resposta sexa masiva".
Relacionadas:
-
O Nadal chega a Poio con espectáculo pirotécnico e menos horas de luces para aforrar
Por Redacción |
-
Poio súmase aos Concellos que prenden o alumeado de Nadal este venres
Por Redacción |
-
A guia máis solidaria sobre o Mundial de Qatar é obra de Javier Hermida, estudante do IES Sánchez Cantón
Por Manu Otero |
-
O Apalpador visitará 46 concellos da provincia da man do programa da Deputación 'Nadal en galego'
Por Redacción |