Os cinco Colexios Profesionais Sanitarios demandan unha axeitada implantación da nova receita médica
Por Redacción
Transcorridos dez meses dende a data límite de aplicación dos requisitos da nova receita médica reuniuse o Foro Sanitario de Pontevedra para valorar o seu grao de implantación entre os profesionais sanitarios da provincia de Pontevedra.
O Foro Sanitario de Pontevedra está formado polos cinco colexios profesionais de ámbito sanitario con sede na provincia de Pontevedra: Médicos, Farmacéuticos, Veterinarios, Odontólogos e Estomatólogos, e Enfermaría.
Os integrantes do Foro Sanitario fixeron fincapé na necesidade de que os profesionais sanitarios e o Servizo Galego de Saúde continúen cunha axeitada implantación da nova receita médica pola garantía que iso constitúe para os pacientes.
Os representantes dos colexios subliñaron que cada receita médica privada é válida para unha soa vez, ten que ir acompañado dunha folla de información para o paciente e debe quedar na farmacia unha vez dispensada. Non obstante o facultativo, nunha mesma consulta, pode darlle ao paciente varias receitas con diferentes datas previstas de dispensa.
Os requisitos de obrigado cumprimento para a validez da receita médica son os datos do medicamento, do paciente, do facultativo, a data de prescrición e o período de tratamento comprendido na receita.