Costas converte unha parte do parque de Punta Vicaño nun mirador sobre a ría
Por Redacción
O Parque Público Punta Vicaño dispón xa dun espazo situado sobre a ría que actúa como área de descanso-mirador. E é que o Servizo Provincial de Costas concluíu coa remodelación dunha zona que se atopaba degradada e na que predominaban materiais como o formigón no muro construído sobre as rocas.
Agora, en virtude desta intervención "o Parque Público de Punta Vicaño conta cun miradoiro acorde co seu valor paisaxístico e medioambiental", sinalan desde o Concello de Sanxenxo.
Tras nivelar o terreo, os traballos acometidos nunha superficie de 220 metros cadrados centráronse en revestir o pavimento, así como os muros existentes, con cuarcita "o que permite que esta área estea integrada esteticamente co contorna".
Estas obras, que precisaron dun investimento superior aos 27.000 euros, complementou as diversas accións emprendidas polo Concello de Sanxenxo neste parque trala súa adquisición no ano 2007 e que incluíron tanto a repoboación de árbores como a dotación dun parque infantil de 800 metros cadrados que foi pionero en Galicia en empregar cortiza de piñeiro no chan.
"Non é momento de asumir a dotación de grandes infraestruturas pero si de continuar traballando e xestionando aquelas actuacións que contribúen a mellorar o día a día dos nosos veciños e veciñas", sinalou o equipo de Goberno, que aposta por fomentar o uso de espazos públicos por parte da cidadanía.
Máis actuacións en Punta Vicaño
Neste sentido, o Concello habilitará en Punta Vicaño un circuíto de ximnasia de mantemento e planea sacar a concurso un quiosco, con aseos incluídos, que completará a oferta de lecer desta zona verde pública. Completarase así a repoboación desta leira de 22.000 metros cadrados, na que plantaron carballos do país, case centenarios, e carballos americanos que se situaron na entrada ao recinto público.
Tamén se enriqueceu a zona dos laranxos con exemplares doces e outro amargo centenario, preparouse a masa arbórea mediante podas de saneamento, eliminando as árbores mortas ou enfermas, instalouse un sistema de rego e creouse unha pradeira natural.
Outras das accións acometidas entón foi a de habilitar un carreiro de 250 metros, desde a entrada ao parque ata o mirador do mar que agora se está acondicionando, para o que se utilizaron travesaños de ferrocarril e xabre mesturado con grava picosacro. O emprazamento de mobiliario urbano, a limpeza dos muros de pedra da pechadura, e a substitución das anteriores verxas por outras elaboradas en forxa que permiten aos viandantes divisar o interior, foi o resto de tarefas asumidas.