O PP solicita iluminación na estrada de acceso ao campo de fútbol de Campañó
Por Redacción
Os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo e Guille Juncal, solicitaron á Deputación e ao Concello que arranxen a estrada EP-0017, de titularidade provincial, con especial atención ao tramo que coincide co acceso ao campo municipal de fútbol de Campañó.
Guille Juncal advertiu da ausencia de iluminación no acceso a este recinto deportivo, que é de titularidade municipal.
Segundo manifestou o acceso á instalación "non reúne as condicións de seguridade que consideramos mínimas ao tratarse dun punto no que se reúnen decenas de deportistas, na súa maioría menores de idade".
Os concelleiros do PP pediron á Deputación e ao Concello que se proceda á instalación de farois para garantir a correcta iluminación da estrada neste tramo "que se poñan de acordo para, de forma urxente, solventar este problema".