Os empresarios pontevedreses e Defensa selan a súa colaboración para facilitar a inserción laboral na vida civil dos militares
Por Redacción
O Ministerio de Defensa e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) acaban de asinar un convenio de colaboración que busca poñer en marcha actividades que complementen a formación e faciliten o acceso dos militares profesionais a postos de traballo no ámbito laboral civil.
O convenio asinouse o 27 de outubro en Madrid coa participación de Adoración Mateos Tejada, Subsecretaria de Defensa, e Jorge A. Cebreiros Arce, presidente da CEP. O 8 de novembro publicouse no BOE.
Con este convenio, Defensa e a CEP mostra o seu interese común establecer mecanismos que canalicen a mutua colaboración, permitan un mellor aproveitamento dos recursos humanos dependentes de cada unha delas e poñan en marcha actuacións que permitan a incorporación laboral dos militares que vaian desvincularse voluntariamente das Forzas Armadas.
Aínda que o obxectivo é que o convenio permita traballar conxuntamente en calquera ámbito, no acordo incídese na posibilidade facilitar a incorporación do persoal militar ao mercado laboral e propiciar por parte das empresas de Pontevedra a identificación de postos de traballo susceptibles de ser cubertos por estes.
Tamén se facilitará información sobre os cursos de formación programados pola CEP, por se fosen de interese e, facilitarase a asistencia ás xornadas informativas que se poidan programar en materia de orientación laboral e emprendemento e autoemprego ao persoal das Forzas Armadas destinado na provincia de Pontevedra ou que teñan arraigamento nesta provincia, como é o caso da maior parte dos militares da Brilat.
O período de vixencia deste convenio será de catro anos, sendo prorrogable por un período de catro anos adicionais se así o acordan as partes de forma expresa.
Ambas as partes crearán unha comisión mixta de seguimento paritaria para o control e seguimento das accións previstas neste convenio que se constituirá no prazo máximo de tres meses. A presidencia irase alternando e empezará en mans de Defensa.