O BNG pide un "camiño escolar seguro real" para os centros escolares Chan do Monte e San Narciso
Por Redacción
A portavoz municipal do BNG en Marín, Lucía Santos Omil, solicita ao goberno municipal a realización de melloras no camiño escolar que dá acceso aos centros escolares IES Chan do Monte de Mogor e San Narciso para que sexan realmente seguros.
Santos realizou esta solicitude na última comisión informativa de policía, seguridade e mobilidade de Marín.
A nacionalista considera "urxente" reacondicionar o vial escolar "para que sexa realmente un camiño escolar seguro" e insiste en que "non se pode agardar a que ocorra unha desgraza".
Segundo Lucía Santos, o camiño escolar que vai dende o Lavadoiro de Mogor ata os centros educativos non ofrece seguridade para os viandantes, xa que o pintado que sinaliza o camiño escolar, ademais de estar maiormente borrado, non chega nin até a metade do percorrido.
Tamén se queixa de que este camiño escolar continúa por unha senda de herba sen ningún tipo de indicacións e invadida pola maleza, o que dificulta o seu acceso, polo que os viandantes teñen que continuar o camiño pola estrada, "sen ningún tipo de accesibilidade que ofreza a máis mínima seguridade para os peóns".
Na súa petición tamén chama a atención sobre o feito de que nos últimos anos os desprazamentos a pé nesta zona víronse incrementados pola redución de liñas de autobús.
En definitiva, pide "un camiño escolar seguro real", no que é preciso pintar novamente o trazado do vial e tamén o acondicionamento do camiño que continúa por unha senda de herba, cunha limpeza integral, sinalización axeitada, colocación de vallas de seguridade e melloras na iluminación.