Carril xa presume do único albergue público da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e fluvial do Camiño de Santiago
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou este xoves acompañada do alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e do deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, as obras xa finalizadas do novo albergue do Carril.
Este novo aloxamento para peregrinos, financiado grazas a unha achega provincial superior aos 600.000 euros do Plan Concellos, será o único albergue público da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e fluvial do Camiño de Santiago.
Carmela Silva asegurou que "este albergue de quinta xeración será o albergue galego máis fermoso".
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, lembrou que "atopamos esta infraestrutura en desuso, que se podía aproveitar", e coa visión do arquitecto municipal Iago Fernández, "convertémolo nun edificio moderno, accesible e cunhas vistas privilexiadas de Cortegada: é dicir, un albergue redondo".
O proxecto do albergue do Carril é unha edificación moderna co grande atractivo de servir de miradoiro cara á desembocadura do río Ulla, á ría de Arousa e á illa de Cortegada, o punto de inicio dunha ruta que nos últimos anos non deixa de medrar dentro do turismo peregrino. O albergue permite mellorar a oferta turística de Vilagarcía e contribuirá ao desenvolvemento económico e social de Carril, razón pola cal o concello solicita a súa integración na rede pública de albergues do Camiño xestionado pola administración autonómica.
Grazas ao Plan Concellos, Vilagarcía puido facer fronte ás obras de reforma da antiga e inacabada Casa da Cultura do Carril, situado no lugar da Tombada, para dar acollida a ata 30 persoas distribuídas nun andar baixo, un primeiro e unha zona baixo cuberta, ademais de contar cunha finca destinada ao lecer e á realización de actividades ao aire libre.
No andar baixo sitúanse a recepción e unha zona de uso común dotada de asentos, libraría-biblioteca ou máquinas expendedoras. Estará comunicada a través dunha pequena rampla cunha zona de lavandería de uso público con espazo para gardar bicicletas. O primeiro andar e o baixo cuberta, ambos cunha estrutura semellante, desembarcan nun amplo distribuidor con consignas para gardar efectos persoais, salas de estar, aseos e os cinco dormitorios comunitarios (tres no primeiro andar e dous no baixo cuberta), cada un deles con seis liteiras, mesas de lectura e luz natural. O edificio está iluminado por unha enorme cristaleira á ría que ocupa toda a fachada, e presidido pola privilexiada terraza do primeiro andar, protexida por unha pérgola vexetal.