Un parque infantil con tintes ferroviarios completará a reforma integral da 'pasarela'
Por Redacción
As obras da pasarela, como se coñece popularmente á praza de José Adrio Barreiro, estarán rematadas a próxima semana. A zona quedará transformada, segundo Antón Louro, "nun espazo urbano de calidade e creará unha nova centralidade na cidade". Invístense nela 250.000 euros, dos que case 150.000 corresponden a obra civil. O resto son para melloras no tratamento da superficie e da beirarrúa perimetral, mobiliario e alumeado público.
O concelleiro de Urbanismo, que revisou este mércores o desenvolvemento das obras, anunciou que a última mellora introducida foi a dotación dun parque infantil na parte máis próxima á rúa de Joaquín Costa. O parque, cunha superficie de 250 metros cadrados, consiste en dous bloques de xogos en forma de máquina de tren montada sobre unha dobre vía. Sobre o pavimento de caucho tamén se pintará unha estación ferroviaria.
Este proxecto recupera un espazo que, a pesar de cubrir unha área de 3.500 metros cadrados, tiña un aspecto "inacabado". Todo o espazo queda agora pechado por un pequeno muro perimetral de pedra do Paraño rematado por varanda metálica. O cerramento, polas súas dimensións e pola inclusión dunhas escaleiras centrais, enfatiza a conexión de José Adrio con 12 de novembro, mellorando a visibilidade de todo o tecido comercial da pasarela.
Na memoria dos pontevedreses que perderon a súa vida en 1936 defendendo a Democracia plantáronse 10 cerdeiras de flor e haberá tamén outros tantos bancos. Pero a principal singularidade do proxecto é o tratamento da superficie cunha resina de cor terra. Estará cruzada transversalmente por unhas liñas máis escuras a modo de código de barras que ofrecerá a lectura "José Adrio Barreiro". A aplicación da primeira imprimación comezou este mércores.
O proxecto resolveu tamén dun xeito homoxéneo a conexión dos niveis da pasarela e a rúa interior dos edificios Silva con só dous ou tres chanzos en función do tramo. A accesibilidade quedou garantida cunhas pequenas ramplas cara os extremos da praza, nas rúas Loureiro Crespo e Joaquín Costa.
Con todo, unha das melloras máis valoradas por veciños e comerciantes foi a instalación dunha rede de recollida de pluviais. Amplas grellas no pavimento canalizarán a auga da choiva acabando coas pozas que se producían nalgúns puntos.