A Deputación e o Concello de Sanxenxo construirán outra senda peonil desde a igrexa de Noalla ata o vello cuartel
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do rexedor de Sanxenxo, Telmo Martín, visitou este mércores os traballos finalizados na estrada provincial EP-9212, que permitiron conectar o núcleo de Noalla coa praia da Lanzada grazas á creación nun tramo de 1,2 quilómetros dunha senda peonil de 3 metros de ancho na marxe dereita da estrada, paralela ao seu trazado, en plataforma única.
A Deputación asumiu integramente o orzamento da obra, preto de 772.000 euros, xa que o 30% correspondente ao Concello foi unha dos investimentos que a vila incluíu no marco do Plan Concellos na anualidade de 2021.
Na visita tamén estiveron presentes José Radio, e Manuel García, vicepresidente e secretario da Asociación Veciñal de Noalla, e Roberto Garrido, presidente da Comunidade de Montes, ademais da deputada Noemí Outeda e os concelleiros María Deza e Daniel Arosa.
Carmela Silva sinalou que "con estas obras este tramo deixa de ser unha infraestrutura de paso para os vehículos", xa que "se trata dunha zona moi relevante e con moita capacidade de atracción", en alusión ao Pazo de Quintáns que se atopa no seu trazado.
O alcalde de Sanxenxo engadiu que "tras os traballos, que quedaron moi ben, agora esta zona é máis humana". Telmo Martín tamén solicitou "un tratamento similar" na EP-9208, "xa que lle dá moito valor a esta zona que ten moita importancia económica e social" e son unhas obras "moi demandadas pola veciñanza".
Neste sentido a presidenta provincial comprometeuse a que a Deputación elaborará "canto antes" un anteproxecto para actuar nesa estrada provincial EP-9208, que entronca coa EP-9212, concretamente na zona que transcorre entre a igrexa de Santo Estevo de Noalla e o emprazamento onde ata hai uns anos situábase o antigo cuartel da Garda Civil, no Casal, agora xa derrubado.
Carmela Silva asegurou que "a Deputación ten 1.700 quilómetros de vías provinciais e é moi difícil facerlles fronte, pero neste momento é factible xa que estamos a recibir moitos recursos dos fondos europeos Next Generation". Por tanto, comprometeu que, "finalizaremos esta infraestrutura ata o final e tamén a zona da Igrexa".
Relacionadas:
-
Incremento do 21,6% en gasto social no orzamento de 39 millóns de euros para 2023 en Sanxenxo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Comeza a creación dun itinerario peonil pola estrada de Noalla á praia da Lanzada
Por Oskar Viéitez |
-
Noalla estreará a senda peonil cara a praia da Lanzada antes do próximo verán
Por Redacción |
-
Impulsan unha senda peonil entre Noalla e A Lanzada co Pazo de Quintáns como eixo
Por Redacción |
-
A senda peonil entre Noalla e a praia da Lanzada custará 760.000 euros
Por Redacción |