Impulsan unha iniciativa para restaurar a zona afectada polo lume no monte veciñal de Laxoso
Por Oskar Viéitez
Este mércores presentouse o proxecto "Comprometidos cos nosos montes", unha actividade de restauración forestal da zona afectada polo fogo no monte veciñal en man común de Laxoso, en Ponte Caldelas, promovida por Carrefour Galicia, FSC España e Mahou.
As tres entidades contribuirán á mellora do medio ambiente da zona recuperada e deixarán unha pegada positiva na súa contorna, propiciando o desenvolvemento socioeconómico local.
Traballarase na recuperación de preto de 20 hectáreas de monte que dispoñen de certificado FSC de xestión forestal responsable que garante que a actividade e aproveitamentos forestais realízanse baixo rigorosos e estritos estándares medio ambientais e sociais.
Precisamente, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, que participou este mércores no acto, destacou a importancia de contar cun monte certificado para garantir o cumprimento dunha xestión forestal sustentable, poñendo en valor as máis de 42.000 hectáreas que están actualmente baixo a certificación forestal FSC na nosa comunidade. Os montes baixo xestión da Xunta que contan cunha certificación FSC suman un total de 88, aos que hai que engadir outros 619 certificados polo sistema PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification).
Pola súa banda, durante a súa intervención neste acto, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba subliñou "a cooperación interinstitucional e o apoio brindado polo Goberno para facer fronte aos lumes, que se traduciu en 9 intervencións da UME, dúas delas en Ponte Caldelas e Caldas, e na mobilización de 350 militares da BRILAT para realizar labores de vixilancia, disuasión e prevención de incendios forestais no marco da Operación Centinela".