Marín amplía a 70 as hortas urbanas ecolóxicas dispoñibles para o seu uso no Sequelo
Por Redacción
O Concello de Marín quere continuar coa promoción das Hortas Urbanas Ecolóxicas como unha alternativa de ocio saudable para aqueles veciños que se interesen pola agricultura tradicional e ecolóxica. Trátase dunha actividade que xa dera os seus froitos o ano pasado e que o goberno municipal decidiu ampliar coa posta en funcionamento de 23 novas hortas.
Para a creación das hortas urbanas o Concello de Marín habilitou unha parcela no lugar do Sequelo, na fachada posterior do pavillón de deportes. Dita parcela ocupa unha extensión aproximada de 2.000 metros cadrados, dos cales inicialmente 600 estaban dedicados ás hortas urbanas. Este ano preparáronse outros 300 metros para destinalos a novas parcelas. En total coa parcelación do terreo dispoñible, resultan 70 parcelas de entre 10 e 12 metros cadrados.
As hortas urbanas están concibidas como un sistema que permite o cultivo individual de pequenas parcelas de terra de forma tradicional mediante o emprego de técnicas de cultivo ecolóxico, quedando prohibida a utilización de calquera elemento químico, ben sexa fitosanitario, herbicida ou abono.
O proxecto pretende organizar unha actividade lúdico-educativa coa finalidade de fomentar a participación da poboación na recuperación e mantemento dunha agricultura respectuosa co medio ambiente a través da creación e mantemento de hortas urbanas ecolóxicas, creando ao mesmo tempo unha alternativa cultural e de ocio que fomente a súa vez a idea de desenvolvemento sostible.
Calquera veciño de Marín que leve empadroado no municipio máis de dous anos poderá solicitar unha destas parcelas, que serán adxudicadas por rigoroso orde de inscrición e dando preferencia a quen xa resultou beneficiario doutra horta o ano anterior e demostrara un bo uso e mantemento da mesma. Poderán solicitarse ata o próximo 26 de decembro.
As hortas cederanse por dous anos. A actividade agrícola poderá levarse a cabo de luns a domingo durante todo o tempo de duración da autorización, entre as 7:00 e as 22:00 horas, tendo especial coidado en non molestar aos veciños, e nelas, entre outras cuestións, queda prohibida a instalación de casetas, quioscos, sillas, bancos ou calquera tipo de instalación a excepción das que instale o propio Concello, ou sexa expresamente autorizada por este.
Por parte do Concello realízanse visitas periódicas ás hortas urbanas para verificar se se cumpren as normas establecidas respecto do cultivo ecolóxico. Se se observara que durante o prazo de dous meses, non se dispuxera da parcela concedida ou esta presente signos de abandono, poderá adxudicarlla a outro solicitante.