Pablo Leiva, elixido como candidato do PP á alcaldía do Grove
Por Redacción
O Partido Popular ten candidato ás próximas eleccións municipais no Grove. Será Pablo Leiva, segundo decidiu por unanimidade a xunta local da formación celebrada este martes coa presenza do presidente provincial do PP, Luís López, a secretaria do partido, Luisa Piñeiro, e a coordinadora do Salnés, Paz Lago.
Leiva, avogado de 51 anos natural do Grove, defendeu tras a súa elección que "é momento de recuperar a confianza dos nosos veciños. Este concello necesita un impulso, O Grove ten un gran potencial que non se está aproveitando e nós somos a opción fiable para conseguilo".
Tras mostrar o seu agradecemento tanto aos afiliados como á dirección provincial do PP asegurou con determinación que "somos o cambio serio e fiable que necesita este concello".
Pola súa banda Luís López defendeu ao candidato como "unha persoa moi preparada, dialogante, con gran prestixio profesional e capacidade de traballo e que asume este novo reto con moita ilusión e compromiso".