Organizan unha Festa do Patín para estrear as instalacións de Raíña Vitoria
Por Oskar Viéitez
O vindeiro domingo 20 de novembro, se deixa a choiva, celebrarase a primeira Festa do Patín, pensada como un "punto de encontro para todos os veciños que se queiran achegar a coñecer a skate praza da avenida de Raíña Vitoria e, sobre todo, como se utiliza", segundo indicou o concelleiro Demetrio Gómez.
Esta iniciativa está organizada polo centro de deportes Urban Culture Factory e as tendas de roupa Playground Store, Mission e Your way, e a colaboración do Concello de Pontevedra.
Toño Escudeiro e José González explicaron que a festa pretende "darlle visibilidade a este espazo" habilitado no centro da cidade para a práctica deste deporte pero que tamén permite o tránsito de peóns e outras actividades. Ademais será para moitos rapaces "unha oportunidade de probar as novas instalacións". "Queremos tamén que sexa un punto de unión do deporte coa cidade e as familias", apuntou Toño Escudeiro.
A festa do patín terá dous partes diferenciadas. Pola mañá estará dirixida ao público infantil e familiar "con probas sinxelas para que poidan xogar cos pais e as nais" e pola tarde haberá un Open "best trick", unha competición con premios aos mellores trucos nos diferentes módulos que están construídos nesta praza.
"É un día para celebrar que temos o comezo de algo: un parque integrado no modelo de cidade" comentou José González que lembrou que "detrás de todo isto hai tendas, hai unha pequena industria que empezou como unha ilusión fai trinta anos pero que a día de hoxe dá para comer a familias".
Demetrio Gómez, aclarou que a instalación de Raíña Vitoria non se trata dun "skate park" senón dun espazo que integra materiais e pezas que se atopan en rúas e prazas da cidade e que son adecuados para practicar este deporte urbano que é olímpico. Se será un "skate park" o proxectado entre o Concello e a Universidade de Vigo e que está previsto nun solar á entrada do campus, entre a rúa Celso Emilio Ferreiro e a avenida de Compostela.
Relacionadas:
-
A 'skate praza' de Raíña Vitoria di ata logo para facilitar a montaxe das atraccións da Peregrina
Por Redacción |
-
Finalizados os traballos de pintado do 'skatepraza' de Raíña Vitoria
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Atrásase a estrea do 'skate praza' de Raíña Vitoria
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O skate-park "de quita e pon" en Raíña Vitoria é, para o PP, unha "tomadura de pelo"
Por Redacción |