O BNG volve confiar en Xoán Manuel Vázquez para conseguir gobernar en Meis
Por Redacción
Xoán Manuel Vázquez, o que xa fora candidato do BNG de Meis nas eleccións municipais de 2019, volverá a encabezar a lista que os nacionalistas presentarán na próxima cita electoral.
Así o aprobou por unanimidade a asemblea local do partido, que tamén aceptou a proposta das outras tres persoas, un home e dúas mulleres, que acompañarán a Vázquez nos primeiros postos da candidatura.
Son Sandra Carballa, presidenta da Asociación O Xaramelo; Serafín Melón, presidente da comunidade de montes da Armenteira; e Sandra Fariña, vogal dos comuneiros de San Salvador.
O BNG defende que a súa é unha organización "totalmente cohesionada" para seguir buscando "un cambio nas formas de facer política que só pode vir da man dunha Alcaldía do BNG".
A súa candidatura está formada por "xente que coñece moi ben o Concello e que traballa cóbado con cóbado coa cidadanía", subliña o partido, que asegura ter "ideas e proxectos" para Meis que parten das necesidades da súa veciñanza.
Así, entre outras propostas, o BNG reclama a mellora do transporte, taxi a demanda e sendas peonís e ciclistas, descentralizar as actividades culturais e sociais do municipio, aproveitar a riqueza patrimonial da vila para que sexa un referente turístico, mellorar a seguridade no ámbito do colexio do Mosteiro ou reformas en estradas e camiños.