Galigrain si ten na nave de La Cross medidas de extinción de incendios que faltaban en Pontesa
Por Natalia Puga
O incendio declarado o pasado domingo nas instalacións da antiga fábrica de cerámica de Pontesa segue activo unha semana despois. Xa non hai lapas, pero segue sendo necesario que os bombeiros de Pontevedra acudan de forma periódica para realizar tarefas para arrefriar e empapar a zona e evitar, desta forma, que se reactive e volva haber lume.
Mentres toda a atención dos servizos de extinción segue centrada nesta nave da parroquia de Ponte Sampaio, o Concello de Pontevedra puxo tamén o seu interese na antiga fábrica de La Cross en Alba, onde o grupo Nogar, a través da súa filial Galigrain, ten unha actividade similar de almacenaxe de gran. Do mesmo xeito que Pontesa, esta instalación está autorizada pola Xunta de Galicia como lugar de almacenaxe de gran procedente do porto de Marín.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, indicou este luns que a inspección realizada polos servizos técnicos municipais o pasado venres nesa nave de Alba permitiu determinar que nesa nave si había unhas medidas de prevención de incendios que non tiñan en Pontesa.
A inspección realizouse pola "alarma social que se creou" ao ver gran almacenado e, a falta de que os servizos técnicos emitan o seu informe definitivo, verificouse que "si existían medidas mínimas de extinción de incendios e de seguridade".
Así, a inspección ocular permitiulles verificar que tiñan acceso a auga e hidrantes ao dispor dos bombeiros para o caso de que se produza un incendio.
Eva Vilaverde considera que isto "o que vén confirmar é que a empresa sabía perfectamente que tiña que contar con estas medidas e que a nave de Pontesa non as tiña". Así, "corrobórase" que aí si hai medidas de seguridade que "non estaban postas ao dispor dos bombeiros cando chegaron á nave de Pontesa" e que "aquí si parece que existe".
Desde a empresa Galigrain aseguraron a semana pasada, a través dun comunicado, que si contaban con todos os permisos e protocolos de seguridade e prevención de riscos laborais necesarios, incluídas medidas antiincendios, pero o Concello négao.
En canto á nave de Pontesa, Vilaverde explica que os bombeiros acoden "periodicamente" para "poder arrefriar e empapar" todo o material porque "segue en combustión". Segundo indica, "cada vez que soben as temperaturas ou o propio vento increméntase, o que fai é que se reactive e combustione máis ou mesmo pode acender".
De momento, iso non pasou, non volveu a reactivarse o lume, pero si sae fume de forma permanente e a concelleira advirte de que "mentres a situación siga sendo a mesmo e nos e faga nada co material alí almacenado, a combustión segue sendo a mesma".
Os bombeiros arrefrían o máximo posible desde o exterior, pero no interior segue a combustión e "unha semana despois, segue habendo a mesma cantidade de gran almacenado". Segundo Vilaverde, a situación continuará "mentres a empresa non o quite".
Relacionadas:
-
Os donos de La Cross acatan a orde de suspensión de actividade pero recorrerán aos tribunais
Por Alejandro Espiño |
-
La Cross almacena 96.000 toneladas de gran, o dobre das que había na Pontesa
Por Alejandro Espiño |
-
La Cross, suspendida de actividade por orde do Concello: "Non podemos permitir que o de Pontesa volva suceder"
Por Alejandro Espiño |
-
Preocupación veciñal polo fume de Pontesa: "Pícanme os ollos e a garganta. Non podo saír da casa sen máscara"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Inspección da nave de La Cross onde opera o Grupo Nogar para comprobar as medidas de seguridade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A empresa inicia unha investigación propia sobre o incendio en Pontesa, onde almacena 42.000 toneladas
Por Natalia Puga |
-
A Policía ultima o informe sobre o incendio de Pontesa
Por Natalia Puga |
-
A reactivación de pequenos focos e a presenza de amianto dificultan a investigación e extinción do lume de Pontesa
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A actividade de almacenaxe que se realizaba en Pontesa era "un polvorín" sen medidas de prevención nin licenza
Por Anxo Lourido |