Meaño estuda rescindir o contrato do comedor escolar de Dena por "incumprir a calidade esixida"
Por Redacción
O Concello de Meaño busca a fórmula para rescindir o contrato coa empresa adxudicataria do servizo de cátering no comedor escolar do colexio de Dena-Coirón.
Así o asegurou o alcalde, Carlos Viéitez, tras recibir as queixas de pais debido á calidade dos menús que alí se serven.
"Asinamos un contrato con esta empresa pero estamos xa estudando a fórmula legal que nos permita rescindir este contrato por incumprir a calidade esixida na prestación do servizo", explica o rexedor avanzando que"tomaremos unha decisión en breve".
O alcalde mantivo unha reunión o pasado 4 de novembro coa empresa e representantes da asociación de pais do centro educativo tras recibir unhas queixas que "se cinguían á maneira de preparar os alimentos con exceso de salsa e de condimentos".
Na reunión, á que asistiron unha técnica municipal e traballadoras do comedor, a empresa comprometeuse a buscar alternativas aos menús a pesar de apuntar que era o único centro no que recibira queixas.
Con todo ao persistir o malestar terminou enviando un requirimento á adxudicataria do comedor escolar de Dena.