Aitor Esteban, Olalla Rodil e Joan Tardá, protagonistas nas xornadas de memoria histórica da Deputación
Por Redacción
A mesa de debate 'A represión das identidades nacionais' centrou este sábado gran parte da atención nas Xornadas de Memoria Histórica 'Na loita contra a impunidade' que organiza a Deputación de Pontevedra.
O evento reuniu a Aitor Esteban (PNV) e Joan Tardá (ERC), deputados no Parlamento estatal, e a Olalla Rodil (BNG), deputada no Parlamento galego, como representantes das nacionalidades históricas do estado español para reflexionar sobre como o franquismo censurou opcións políticas independentistas diferentes á visión da 'Unha, grande e libre' que defendía para España, e como esa situación chegou ata a actualidade en plena democracia.
"Non hai que ter vergonza por defender o teu país; vergonza dá roubar... e diso saben moito algúns", asegurou na súa intervención Olalla Rodil defendendo ademais que as novas xeracións teñen dereito a criticar o proceso de Transición: "Temos dereito a desanoar ese nó e que non se nos esixa seguir a pagar a hipoteca das decisións que se tomaron absolutamente erradas", sinalou.
Pola súa banda o ex portavoz de Esquerra Republicana de Cataluña, Joan Tardá, asegurou que "a democracia en Europa construíuse cos materiais nobres produto da derrota do fascismo e do nazismo. Aquí en España a democracia construíuse con materiais de derriba, o que leva a asumir como normal, e preocupante, que máis que unha separación de poder existe unha repartición de poder que permite que sexamos unha anomalía".
Segundo o representante catalán a impunidade é a chave que explica que a día de hoxe, en lugar de buscar unha solución ás realidades de cada territorio "vulnérense os códigos democráticos máis básicos", sinalou en referencia ás coñecidas como 'cloacas do Estado'.
Por último Aitor Esteban ve como necesario que o Estado dea resposta á realidade diferenciada das nacións de Galicia, Cataluña e Euskadi, criticando que "Feijóo dixo que Sánchez renunciou a ser presidente de todos os españois, pero o que quere dicir iso é que os que non se aveñan á súa maneira de España non merecen ser tratados como tales... porque se realmente fosen españois si merecerían unha resposta ás súas necesidades", destacou.
Tamén fixo referencia Esteban ás declaracións de García Page, quen destacou que cada vez hai menos Constitución, afirmando que realmente o que pasa é que hai unha identificación da Constitución só cunha maneira de ver España.
Nas Xornadas de Memoria Histórica 'Na loita contra a impunidade' participaron tamén este sábado o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e Ana-Sofía Ferreira, doutora en historia e investigadora do Instituto de História Contemporánea de Lisboa. Ademais realizouse un roteiro teatralizado pola memoria histórica de Pontevedra dirixida por Os Quinquilláns, que contou coa actuación musical de Lucía César Veloso e Manolo Dopico.
Relacionadas:
-
A Deputación conmemora o centenario do nacemento de Mariví Villaverde
Por Redacción |
-
A Deputación inaugura as Xornadas Contra a Impunidade poñendo luz na sociedade que querían construír as vítimas do Franquismo
Por Redacción |
-
As ideas políticas "demonizadas" concentrarán a temática das xornadas contra a impunidade franquista
Por Redacción |