O radar de Tráfico detecta velocidades en Vilagarcía de 97 quilómetros por hora en vías limitadas a 50
Por Redacción
As vías urbanas e interurbanas de Vilagarcía seguen rexistrando vehículos circulando a velocidades bastante superiores ás permitidas. Co obxectivo de disuadir e sensibilizar aos condutores sobre os riscos de conducir a velocidades por riba das recomendadas, a Policía Local levou a cabo nas últimas semanas unha campaña de control de velocidade co radar móbil cedido pola DGT que rexistrou velocidades de ata 97 quilómetros por hora en vías limitadas a 50.
En concreto, o radar fixo controis na Avenida de Vilanova, Valentín Viqueira, Avenida de Pontevedra, O Vento (Pousadoiro), Avenida de Rubiáns e Agustín Romero, todas elas con velocidade limitada a 50 quilómetros por hora; así como na rúa Arealonga, cuxo límite sitúase nos 30 quilómetros por hora.
O cinemómetro graduouse para detectar velocidades por riba dos 70 quilómetros por hora, dando como resultado a detección de 101 casos de vehículos que transitaban por riba deste tope en rúas, insistimos, nas que non se podería superar os 50. Nos quince días nos que se utilizou o radar controláronse un total de 10.218 vehículos.
Os casos máis flagrantes e, por conseguinte, os máis perigosos rexistráronse na Avenida de Vilanova e en Valentín Viqueira. No primeiro caso, o radar detectou na recta de Vilaxoán cara O Rial a un vehículo circulando a 97 quilómetros por hora ás 16.43 horas. La vía de Carril, a máxima velocidade detectada polo radar foron os 93 quilómetros por hora aos que circulaba un turismo ás tres da tarde.