A xornalista Alba Lago, madriña da Gran Recollida do Banco de Alimentos, pide axuda para chegar aos 3.000 quilos
Por Manu Otero & Mónica Patxot
O Banco de Alimentos da provincia de Pontevedra deu a coñecer este venres o nome da madriña da tradicional campaña de recollida de alimentos que organiza cada ano por estas datas. A xornalista Alba Lago, viguesa de nacemento será a cara visible dunha campaña que se marca un dobre obxectivo: chegar aos 500 voluntarios e conseguir 3.000 quilos de comida.
Nas instalacións do Banco en Pontevedra, o presidente da entidade, Iván Martínez, agradeceu a presenza da xornalista e a súa disposición para colaborar. "Cando contactamos con ela, collémola desprevida e cando se quixo dar conta, xa dixera que si", confesaban ambos entre risas.
Este ano, a Gran Recollida do Banco de Alimentos celebrarase, de forma simultánea en toda Europa, os días 25 e 26 de novembro. "En primeiro lugar necesitamos cubrir os ocos de voluntarios para poder atender e estar presentes en todos os supermercados que queremos", puntualizou o dirixente, que cifra en 500 voluntarios o número mínimo necesario para poder estar presentes na maior parte de supermercados de Pontevedra.
"Pedimos un pequeno esforzo á xente, porque ese esforzo compensa con fartura pola satisfacción de facer algo polos demais", engadiu Martínez pedindo aos consumidores que se acorden do Banco de Alimentos cando vaian facer a compra e realicen achegas tanto de alimentos como de diñeiro en efectivo.
"Atendemos a preto de 20.000 persoas na provincia. Non son todos os que necesitan axuda pero os que están si que a necesitan. Calquera axuda é pouca e como di o lema deste ano: 'comer non pode ser un luxo'", concluíu Iván Martínez a súa presentación para dar paso á protagonista da campaña.
A presentadora dos Informativos de Telecinco recoñeceu sentirse "moi ilusionada" por ser a madriña do Banco de Alimentos da súa cidade e por axudar á poboación. "Está a ser unha experiencia súper enriquecedora", afirmou, antes de explicar que todo aquel que queira colaborar como voluntario pode inscribirse na páxina web.
O obxectivo da campaña é alcanzar os 300.000 quilos de doazóns. "É unha cifra que soa abafadora, pero a xente necesítao", explica Lago puntualizando que esa enorme cantidade daría para abastecer aos usuarios de Vigo e Pontevedra só ata a primavera do 2023.
"Eu estarei nun supermercado de Vigo e tamén en Pontevedra", confirmou a xornalista para pedir "nun contexto económico tan dificíl, con prezos cada vez máis disparados, axudar ás familias máis vulnerables, que son os nosos veciños".
A colaboración de Alba Lago con esta oenegué non é nova. Xa no ano 2020 participou nunha campaña marcada polas restricións da pandemia da covid-19 e este ano, ao ser proposta como madriña, non dubidou en aceptar. E é que cada anos, o Banco de Alimentos acapara titulares pola popularidade das madriñas e padriños desta tradicional campaña . "Adoitamos ter esa capacidade para sorprender sempre, pero xa temos o listón moi alto. A nosa intención sempre é pedir a alguén que nos axude e que chegue a moita xente", rematou Iván Martínez.
Relacionadas:
-
Piden voluntarios para a Gran Recollida do Banco de Alimentos, que augura que 2024 será "moi complicado"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
En 2022 repartíronse 390.000 quilos de comida desde o Banco de Alimentos de Pontevedra
Por Redacción |
-
O banco de Alimentos espera recadar 300.000 quilos de alimentos en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Necesítanse 500 persoas voluntarias para colaborar na Gran Recollida do Banco de Alimentos
Por Anxo Lourido |
-
Banco de Alimentos e Autismo Bata reciben 1.400 doados polos participantes da Gladiator Race
Por Redacción |