Denuncian no xulgado a aparición de pintadas franquistas no monolito da Cruz da Maceira
Por Redacción
A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín ven de presentar unha denuncia nos xulgados da vila ante o atentado sufrido no monolito da Cruz da Maceira, erixido en lembranza das vítimas da represión franquista. O monumento, situado nunha zona illada de monte xunto a estrada que une Moaña e Marín, apareceu hai uns días cunha pintada fascista.
Concretamente, o monolito foi cuberto "cun símbolo anticonstitucional e contra a democracia", segundo destacan desde a asociación. Trátase dunha pintada en negro que representa a aguia que simboliza a época da dictadura. ÿ un feito, sinalan, que pode ser constitutivo dun delito contra a Lei da Memoria Histórica, aprobada polo Congreso dos Deputados no ano 2007.
Ante este atentado, os responsables da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín queren expresar "a nosa máis absoluta condena destes feitos" e lembra a necesidade de non banalizar estas actitudes "que non son actos vandálicos comúns senón apoloxía do fascismo e un flagrante delito de odio, motivado por prexuízos ou fobias que danan a persoas, ás súas propiedades e ao grupo co que se identifican".
Aseguran que estas actitudes "violan e denigran a dignidade e dereitos das persoas e que nos trasladan a tristes tempos do noso pasado, e que toda persoa democrática e de ben rexeita e condena". Neste sentido, recordan que o citado monumento foi instalado, recollendo o sentir da veciñanza de Marín, nun dos lugares máis representativos da represión franquista na comarca do Morrazo, tal como se reflicte en varios estudios universitarios.