Unha multitudinaria manifestación percorre Pontevedra en defensa da Sanidade Pública
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A manifestación en defensa da Sanidade Pública resultou un éxito de convocatoria e, segundo diversas estimacións, sobre 6.000 persoas asistiron a esta marcha que se iniciaba ás 20.00 horas ante o Hospital Provincial.
Tras unha pancarta na que se lía: "Pola Sanidade Pública. Que non fagan negocio coa túa saúde", miles de persoas con presenza de numerosos concelleiros nacionalistas da corporación pontevedresa encabezados polo alcalde Miguel anxo Fernández Lores que asistió ao acto de protesta ao igual que Luciano Sobral, alcalde de Poio. Tamén se atopaban na marcha representantes socialistas no goberno local como Carlota Román. Tras percorrer as rúas Benito Corbal e Michelena, os asistentes concentráronse na Praza de Espan onde leron un manifesto que remataba con estas frases: "A saúde non é un negocio. Non pode ser un negocio. Poñámoslle freo a esta senrazón. Deteñamos a barbarie. Sanidade Pública universal, gratuita e de calidade!".
Cando a cabeceira da mobilización se encontraba na Praza de España aínda eran centos os manifestantes que se estaban a sumar á cola situada ante o Hospital Provincial. Durante a marcha que, non foi secundada pola UGT nin por SATSE, se escoitaron cánticos como "menos corbatas e máis batas" e berros contra as políticas do PP e do PSOE.
Carmen Revenga de Cems- Omega afirmaba que "la respuesta es maravillosa porque la sanidad nos toca a todos y es normal que venga tanta población". Asegurou que os pacientes amosaron a súa solidariedade durante os dous días de folga "porque saben que esto es por ellos y no hubo ningún problema porque se le anulara una cita o cancelaran una analítica o alguna prueba".
Francisco Vizoso do sindicato CIG indicaba que "a maioría da cidadanía de Pontevedra quere unha sanidade pública e está en contra da privatización. Estamos satisfeitos e pensamos que o SERGAS debería tomar nota do que está pensando e negociar cos profesionais sanitarios e parar a onda privatizadora que están intentando meter por todos os lados". Engadíu que "nós queremos avanzar nos problemas. A sociedade non pode quedar calada. Dende a CIG vamos a seguir mobilizando a xente. Agardamos que racionalicen a xestión clínica e nós estamos dispostos a dialogar".
Pola súa parte, Rafael Vázquez de CC.OO. apuntou que "isto supera o que tiñamos previsto. Sabiamos que a resposta ía ser boa e pensamos que a Xunta e o Goberno central van ter oleadas bastante máis numerosas que estas. Non se pode consentir o que está pasando e volver a Idade Media coa xustificación duns aforros dunha crise da que nós no temos culpa dela. Hai que frear o Goberno. Non se pode consentir o que están a facer".