A colleita de kiwis de Santa Clara abastece o comedor de San Francisco
Por Manu Otero
A adquisición de Santa Clara por parte do Concello ten tamén fins solidarios. Aproveitando que o xardín do convento está repleto de árbores froiteiras e como novembro é o mes da colleita do kiwi, desde o goberno local decidiron que o mellor que se podía facer con tal cantidade de froita é entregarlla ás persoas máis desfavorecidas.
Este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro Xaquín Moreda e traballadores do Concello, fixo entrega da inmensa produción de kiwis á entidade solidaria máis emblemática da cidade: o comedor de San Francisco.
"Colleuse a colleita de Santa Clara, que é unha orde irmá á de San Francisco, e trouxémoslles kiwis, que son da casa", declarou o rexedor ás portas do comedor. "É unha cantidade importante e servirá para que a xente que utilice o comedor de San Francisco poida tomar froitos naturais, porque ademais non se lles bota nada, están como viñeron ao mundo", engadiu sen poder precisar a cantidade exacta de froita entregada.
"Son nove caixas das grandes, que levan máis do dobre do que leva unha caixa de froita normal. Pode chegar aos 100 quiilos", matizou Moreda.
A visita serviu tamén para que Lores coñecese ao novo director do comedor, Humberto González. "Estamos con Don Gonzalo, que era o prior, pero levaba xa moitos anos traballando e levando responsabilidades, houbo un cambio de dirección e viñemos a saludalos", explicou o dirixente outra das razóns da visita.
Xunto ao mandatario nacionalista estaba o ata hai uns días director do comedor, Don Gonzalo, que agradeceu a achega municipal. "O Concello colabora con nós bastante máis do que se pode pensar. Cando hai necesidades, imos ao Concello e sempre nos atenden moi ben", asegura.
Aínda que se trata dunha enorme cantidade de froita, sostén don Gonzalo que "se despachan rapidamente, con dous ou tres kiwis a cada un, vanse deseguido. Aquí as cousas que veñen non se estragan".
Actualmente, o comedor de San Francisco atende a diario a unhas 160 persoas. Aínda así, hai días nos que se alcanzan picos de máis de 180 menús. "Cando eu vin para aqui, sobre o 2007, había unhas 80 persoas. Pero empezou a aumentar ata 160. E ao principio da crise dá covid-19 houbo días de ata 210", conclúe o exidrector desta institución.