Os novos bombeiros fórmanse en Vilagarcía
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, clausuraron o curso de axente de extinción de incendios, intervención e salvamento en emerxencias que se desenvolveu no parque de bombeiros de Vilagarcía dirixido aos novos integrantes do Consorcio Provincial contra Incendios de Pontevedra.
Neste curso participaron 16 alumnos, dez deles incorporaranse xa a distintos parques do Consorcio da provincia, mentres que o resto se sumarán á bolsa de emprego. Segundo a información facilitada pola Xunta, con estas incorporacións todos os parques do Consorcio contarán cun mínimo de 18 bombeiros.
Estes novos profesionais recibiron 400 horas lectivas nas que obtiveron coñecemento sobre o uso de extintores, sistemas de auga e equipos de escuma, primeiros auxilios, rescate en altura e manobras con escaleiras. Tamén se trataron os métodos de intervención en accidentes de tráfico e do comportamento ante o lume.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que os consorcios provinciais son un exemplo de cooperación entre as distintas administracións que permite eliminar duplicidades. Segundo sinalou en Pontevedra, o Consorcio permitiu un aforro dun millón de euros ao tempo que se mellora o servizo e se incrementa o persoa dos parques. O presuposto do consorcio pontevedrés para 2014 ascende a 3,1 millóns de euros e a media de incidencias que atende ao ano ascende a un millar.