Sanxenxo promociónase como destino na World Travel Market de Londres
Por Redacción
Sanxenxo está presente nunha nova edición da World Travel Market 2022, que se celebra desde este luns e ata o mércores en Londres, promocionándose como principal destino turístico do noroeste español.
Á cita acode a coordinadora da empresa municipal Turismo de Sanxenxo, Romina Fernádez, xunto ao presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, membros do Clúster de Turismo de Galicia e empresas locais de Sanxenxo representativas do sector do aloxamento e operadores de viaxes.
Nesta ocasión, Turismo de Sanxenxo volve participar dentro da caseta de Turismo de Galicia con material promocional propio mantendo na feira británica citas con empresas e operadores co fin de promocionar Sanxenxo como destino turístico, facendo especial fincapé nas potencialidades do municipio fóra da tempada alta, priorizando para o mercado británico o Roteiro do Mar de Arousa ao seu paso por Sanxenxo, os sete Sendeiros Azuis certificados por Adeac e o Roteiro do Padre Sarmiento.
Ademais, Turismo de Sanxenxo asistirá este martes á mesa redonda organizada por Turespaña na que operadores turísticos británicos como Tui, Jet2 e Easyjet Holidays expoñerán aos profesionais españois os cambios que se están a producir no Reino Unido en relación coa sustentabilidade e os novos requisitos neste ámbito.
Esta feira de turismo é unha das máis importantes do mundo xunto á ITB Berlín e Fitur Madrid, onde se toma o pulso da situación do turismo internacional e onde se posibilita o contacto cos principais axentes de turismo británicos e doutros países emisores europeos. Sanxenxo asiste desde 2015 a estas citas internacionais apostando por incrementar o número de pernoitas internacionais fose da tempada alta, algo que xa vén constatando segundo os datos ofrecidos polo INE.
A dirección da World Travel Market 2022 prevé a asistencia de máis de 60.000 profesionais do sector turístico internacional desta edición que volve ter a Arabia Saudita coma socio principal.
España segue a destacar como destino preferido para os británicos e proba diso é que obtén puntuacións moi altas en consideración, intención de viaxe e saúde global da marca, situándose en todos mesmo por encima dos obtidos en 2019, antes da pandemia, segundo datos de Turespaña.
Relacionadas:
-
Sanxenxo reúne por vez primeira á súa mesa de turismo
Por Redacción |
-
A renovada oficina de turismo do porto deportivo venderá produtos da marca Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo estreará a súa propia liña de roupa en Fitur
Por Redacción |
-
Conceden a Sanxenxo catro novos distintivos Q de Calidade para as súas praias
Por Redacción |
-
Tramitada a contratación de dúas iniciativas provinciais para vencellar turismo e comercio local
Por Redacción |
-
Setembro afiánzase como o terceiro mellor mes para o turismo en Sanxenxo con 114.901 pernoitas hostaleiras
Por Redacción |