Recompensa con dous décimos a 'cidadá exemplar' que lle devolveu a lotaría perdida
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Julia camiñaba pola rúa Gagos de Mendoza cando viu un bolso de pequeno tamaño tirado no chan. A parte dianteira era transparente e distinguíanse tres filas de décimos de lotaría. Pasou de longo, pero axiña deu marcha atrás. Pensou que sería dun vendedor, de modo que o recolleu con intención de devolverllo. Finalmente, nese bolso había 121 décimos e 2.300 euros e a tentación de quedarse co botín tería xurdido a calquera cidadán, pero ela non dubidou en ningún momento: "nunca pensé en quedármelo, ni se me pasó por cabeza, y menos siendo de una persona trabajadora".
Aconteceu o domingo, pero a noticia saltou aos medios de comunicación este luns. Este martes, case dous días despois de encontrar o bolso, Julia aínda se mostra sorprendida de que a súa actuación cívica causase tanto balbordo social: "No sé si otra persona lo habría hecho, pero debería. A mí mis padres me enseñaron eso".
Julia dá por feito que se ela non se tivese tropezado co bolso, a seguinte persoa que pasara pola rúa tería actuado igual. O propietario do bolso, Francisco Javier, non o ten tan claro. Rexenta o bar Olmos na praza de abastos e mostrouse bastante reticente a atender á prensa, pero si confesou que quedou "sorprendido" de que aparecesen todos os décimos e o diñeiro e non sabe como agradecer a Julia o seu xesto.
O luns pola tarde visitouna na súa casa e levoulle un regalo. Deulle dous décimos de lotaría do Sorteo de Nadal do mesmo número que ía no bolso que ela encontrou. Francisco Javier leva varios anos xogando aos mesmos números e un deles xa tivo premio nunha ocasión. Este ano el di que "ya me tocó la lotería" ao ter recuperado o diñeiro e os boletos, pero desexa que toque tamén o 22 de decembro,"ella se merecería que le tocase".
Julia está desbordada coas mostras de gratitude e agora está tranquila, pero confesa que pasou momentos de inquedanza estes días. Ela localizou o bolso tirado sobre as 13.00 horas do domingo e saíu de alí con intención xa de entregalo na Policía Local, pero circunstancias persoais impedíronlle ir naquel momento e mesmo se lle esqueceu que o levaba dentro do seu bolso ata varias horas despois.
Cando volveu acordarse de que o tiña enriba, "me fui corriendo a ver si había un teléfono para avisar al dueño, pero lo que encontré fue todo aquel dinero. En cuanto vi el dinero, me puse muy nerviosa porque llevaba con todo aquello en el bolso varias horas".
Nese momento chamou a Policía Local, os axentes desprazáronse á súa casa e alí contaron xuntos os 2.300 euros e 121 décimos de lotaría. Quedou sorprendida, pois "si pensase que había tanto, hacía algo antes". Finalmente, a través do albarán de compra da lotaría, a Policía localizou o seu dono e xa se relaxou.