A Fiscalía mantén a petición de oito anos de prisión para un mozo acusado de agresión sexual a unha menor en Valdecorvos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
J., un mozo maior de idade e sen antecedentes penais, sentaba este xoves no banco de acusados da sección cuarta da Audiencia Provincial, como acusado dun delito de agresión sexual a unha moza de 16 anos que se produciu o 28 de abril de 2019 na zona de Valdecorvos en Pontevedra.
O acusado negou os feitos sinalando que a denunciante e el mantiñan unha relación sentimental e sexual de "amizade con dereitos" pero que durante aquela xornada quedaran para despedirse porque el marchaba de vacacións a Madrid e non mantiveron relacións sexuais. Asegurou ante o Tribunal que durante os días en que permaneceu na capital española a moza bloqueoulle en redes sociais sen que el entendese os motivos.
A denunciante, que realizou a súa declaración en audiencia pública con biombos, relatou que quedara con J. aquela tarde e que acudiron ata un banco do parque onde o mozo a agarrou, virouna e empuxouna contra unha árbore onde, estando ela de costas, baixoulle os pantalóns ata os xeonllos para manter as relacións sexuais sen ter en conta a negativa expresada pola menor. "El seguiu insistindo ata que parou e acabou". A preguntas do fiscal, a denunciante afirmou "eu quedeime quieta sen poder reaccionar. Subinme os pantalóns e volvinme sentar" recoñecendo que se quedou bloqueada tras a acción que definiu como "bruta".
Sinalou, a preguntas de Fiscalía, que a pesar de ter sexo de forma esporádica co acusado en anteriores ocasións neste caso quixo negarse: "Xa por como me colleu. Eu non quero ter relacións con alguén que me agarra dese xeito, e estabamos na rúa e el insistiu e insistiu", explicou durante a vista oral.
A moza presentou a denuncia o 17 de maio de 2019 na Comisaría Provincial da Policía Nacional, despois de falar cun amigo que llo contou á nai da menor. Explicou tamén, a preguntas da avogada da Defensa, que ten secuelas de tipo sexual ao sentirse incómoda nas relacións despois dos feitos que se axuizan.
O fiscal Juan Carlos Aladro ratificouse nas súas conclusións e mantén a petición para o acusado de oito anos de prisión sinalando que J. "despois de ver a súa actitude non ten conciencia de culpabilidade pero o feito é que lle pediu parar e el continuou". Indicou na súa exposición que o mozo entrou en diversas contradicións mentres que as declaracións da vítima sempre foron as mesmas indicando que testificara inicialmente ante a policía, no xulgado, ante o médico forense, ante os psicólogos e na vista oral "con todo luxo de detalles" e "non existe ningunha variación, sempre di o mesmo".
Aladro, baseándose na veracidade da vítima e a apreciación, expuxo que a menor non quería seguir ao estar na rúa e el continuou: "o negarse nesta circunstancia determina a liberdade da vida e el excédea".
Pola súa banda, a defensa pide a absolución sinalando, entre outros aspectos, que hai un vídeo gravado e fotografías dos dous mozos "tranquilos" na hora apróximada dos feitos que se xulgan e non hai vestixios do delito indicando que é "a declaración dela contra a do mozo".
A sesión finalizou co acusado referíndose á vítima dicindo que "non vale a pena mirala" e que lle parecía inxusto o acoso que sofre desde febreiro cando sae pola zona vella de Pontevedra e chegaron a chamalo "violador". O xuízo quedou visto para sentenza.
Relacionadas:
-
Absolven por falta de probas un mozo xulgado por agresión sexual a unha menor en Valdecorvos
Por Natalia Puga |
-
Fiscalía pide oito anos de prisión para un pontevedrés que violou nun bosque a unha amiga menor de idade
Por Oskar Viéitez |
-
Detido un mozo por unha agresión sexual a unha menor ocorrida en abril en Pontevedra
Por Natalia Puga |