A Alameda será o "corazón" de Ferpalia 2012, que terá como invitada a Asturias
Por Redacción
A Alameda de Pontevedra, será o corazón de XX edición de Ferpalia, o Salón do Turismo de Galicia, que, tras superar a súa incerteza inicial, celebrarase os días 14, 15 e 16 de decembro. Será unha das zonas da cidade que acollerán esta novedosa edición da feira organizada pola Cámara de Comercio de Pontevedra, que abandonará o Recinto Feiral para repartirse por prazas e espazos públicos.
A empresa pontevedresa que organizará Ferpalia, El Rincón de los sentidos, introduciu ademais unha segunda novidade. En lugar de contar cunha exposición monográfica das potencialidades turísticas de Galicia, nesta ocasión haberá unha comunidade autónoma invitada ao certamen.
Neste caso será Asturias, "próxima desde o punto de vista xeográfico e con moitas vantaxes para compartir cos galegos, tanto desde o punto de vista cultural, como gastronómico, paisaxístico e musical", sinalan desde a Cámara de Comercio.
O viño e algunhas propostas gastronómicas van funcionar como "cordón umbilical" de Ferpalia, tanto desde o punto de vista estético, como desde o punto de vista participativo. O obxectivo da entidade cameral é que unhas 30.000 persoas pasen por este Salón do Turismo de Galicia durante os seus tres días de celebración.
Ademais de promocionar a feira en Pontevedra, cidade na que se organiza desde hai vinte anos, os organizadores e os técnicos da empresa adxudicataria, están preparando unha campaña de publicidade, con algún espectáculo sinxelo, nas cidades de Vigo, A Coruña, Santiago e Ourense. Tamén alí terán lugar en prazas e outros espazos públicos.