Ameaza de folga no sector de elaborados de produtos do mar ao non chegar a acordo na negociación do convenio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
En novembro de 2018 o sector de elaborados do mar protagonizaba unha folga que se lembra por unha xornada de tensión no porto de Marín con tres mulleres feridas nunha intervención policial contra un piquete. Neste 2022 voa, outra vez, a posibilidade dunha convocatoria de paro neste sector que afecta a máis de 200 empresas, o 80% delas situadas en Galicia, principalmente na provincia de Pontevedra.
Este sector ofrece traballo a máis de 15.000 persoas, un 80% delas son mulleres que se ven afectadas polo convenio de elaborados que se está a negociar ao longo de todo este 2022. O vindeiro luns 7 de novembro volverán reunirse os sindicatos coa patronal e Comisións Obreiras, CIG e UXT ameazan coa convocatoria dunha folga se non se alcanza un acordo.
Carmela Villaverde, secretaria comarcal de Industria de CCOO; Xavier Aboi, representante de CIG; e Javier Carreiro, secretario de industria agroalimentaria de UXT, indicaban que durante as negociacións previas a posibilidade de alcanzar un acordo estaba moi preto ao acordar un 17% de incremento a tres anos. Pero sinalan que a patronal rebaixou estas pretensións sociais e non se asinou o convenio tensando a situación.
Carreiro sinalaba que as empregadas do sector de elaborados do mar non poden perder poder adquisitivo cando estas empresas obtiveron "beneficios elevados" durante os dous últimos anos. "Temos dereito a que a riqueza a repartan" cando a maioría do persoal ten un salario que apenas se sitúa por encima do mínimo interprofesional. "Hoxe en día unha familia non pode vivir con mil euros", aseguran os representantes sindicais.
Xabier Aboi cualifica a situación actual de "certo esperpento" cando a única cuestión que lles separa é o IPC e determinadas melloras sociais. "Non se pode pensar que por ser traballadoras teñen que estar discriminadas en algún aspecto. Non pode ser que te manden dous ou tres días de descanso e que non os cobres", afirma o secretario comarcal da FGAMT-CIG, quen lembra que este sector está "moi subvencionado, polo tanto non se trata de repartir unha cadeliña senón de facer un convenio xusto".
Pola súa banda, Carmela Villaverde traballadora dunha das empresas afectadas por este convenio, apunta que as xornadas son "maratonianas" sufrindo moitas humidades e frío causando enfermidades non recoñecidas como profesionais. Por este motivo, espera que a patronal teña intención de achegarse á posición sindical para alcanzar un acordo que evite a convocatoria de paro.
Relacionadas:
-
As traballadoras de elaborados do mar aceptan masivamente o preacordo do convenio
Por Oskar Viéitez |
-
O sector de elaborados do mar convoca folga indefinida a partir do 15 de novembro
Por Redacción |
-
VIDEO.- Tres mulleres feridas durante a intervención policial contra un piquete no porto de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
As traballadoras dos elaborados do mar non ceden e volven parar o sector
Por Oskar Viéitez |