Concursos e actividades de terror polos dez anos do Samaín de Campelo
Por Redacción
A Praza da Granxa, en Campelo, será o escenario durante o domingo 30 e o luns 31 de outubro da Festa do Samaín, organizada pola Asociación de Mulleres Arela, xunto co Concello. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), acompañada por representantes do colectivo local, da edil Marga Caldas e do artista local Nelson Quinteiro, deu a coñecer este venres os detalles dunha programación que destaca pola súa variedade e o gran número de iniciativas que ofrece.
“É unha cita moi especial, porque celebramos a décima edición do evento que, ademais, recupera por fin a normalidade despois de dous anos condicionados pola situación sanitaria”, indicou Rodríguez.
A música, a gastronomía, a tradición e, como non podería ser doutro xeito, o ‘terror’ serán as grandes protagonistas en dúas xornadas “nas que animamos á veciñanza a gozar en familia dunha festa emblemática”, recalcou Rodríguez Alonso.
A responsable de Cultura salientou o “gran labor” que realiza Arela á hora de dar visibilidade a esta celebración, a través de iniciativas como o Concurso de Fachadas, a través do cal se premian aquelas vivendas ataviadas e adornadas con temática propia do Samaín, ou o certame de microrrelatos Os Misterios de Kam. “Este concurso non deixa de medrar, como demostra o feito de que contou cun gran número de participantes”, apuntou Raquel Rodríguez.
Tal e como explicou a edil do goberno local, habilitarase unha carpa na que, durante esas dúas datas, se desenvolverán diferentes actividades. A festa comezará o luns ás 18.00 horas con baile, música, disfraces e xogos, todo amenizado polo DJ Universe Posteriormente, ás 20.00 horas, chegará un dos grandes momentos da programación coa Corredoira do Terror, que se levará a cabo polas inmediacións da Granxa co acompañamento de Irrupciones Violentas de Katharsis Espectáculos, Nelson Quinteiro e Máis Cantos. A primeira xornada pecharase cun espectáculo de lume, ás 21.30 horas.
Xa o luns, ás 17.30 horas chegará Brais das Hortas cos seus ‘contos para caghar patatillas’, para que, a continuación, a carpa acolla desde as 18.30 horas un gran número de actividades, que van desde obradoiros de maquillaxe terrorífico e baleirado e decoración de cabazas ata o Certame de Chulas de Cabaza, que contará coa participación de Marta Santiago, responsable do establecemento ‘A Fervella’.
“Con esta actividade apostamos pola cociña tradicional, a raíz do mellor da nosa gastronomía”, apuntou Raquel Rodríguez. A programación pecharase ás 22.30 horas coa entrega de premios ás persoas gañadoras deste concurso culinario, así como ás autoras e autores dos mellores microrrelatos de Os Misterios de Kam e do certame de fachadas.