Venres de horror no centro de saúde Virxe Peregrina ante a ausencia de médicos
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot
"Por ausencia de médicos hoxe só serán atendidas urxencias". Este cartel podíase ler este venres no centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra. Un segundo cartel aclaraba que "as citas de Pediatría e de Enfermería si serán atendidas". E por último, un terceiro cartel situado nas máquinas para obter a quenda de consulta alertaba de que ese dispositivo expendedor "non funcionaba".
Numerosos pacientes mostraban o seu malestar desde as 08.15 horas ao atoparse con esta situación. Fontes sindicais sinalan que só catro médicos estaban dispoñibles nesta xornada dos catorce previstos en persoal. Este escenario obrigou á xerencia a decidir que se retiraran as axendas de citas programadas e atender só as urxencias médicas co persoal dispoñible.
Incrementouse o persoal de servizos xerais do Sergas ata as 12.00 horas para tentar atender outros departamentos. Algúns profesionais sanitarios indican que a mañá se converteu nun "caos" e os pacientes protestaron ante o servizo de atención.
Segundo outras fontes sindicais, as ausencias responden a que aínda non se incorporaron as novas prazas de FEAP, cinco xubilacións de médicos continúan sen cubrir e dous atópanse de baixa. A eles hai que sumar o caso doutro facultativo cunha situación particular grave.
Representantes sindicais temen que o vindeiro luns 31 de outubro se repita o problema de ausencia de persoal facultativo se desde a xerencia non se adoptan solucións para realizar a cobertura durante a xornada de ponte de Todos os Santos .
PontevedraViva tentou ao longo da mañá recoller datos e explicacións oficiais por parte da xerencia da área sanitaria ou da xefa de servizo con resultado infrutuoso.
Relacionadas:
-
A falta de médicos no PAC provoca un Pleno Extraordinario no Concello de Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Pontevedra esixe á Xunta solucións para evitar que pedir cita médica sexa unha "odisea"
Por Redacción |
-
Dezaoito especialistas en atención primaria incorpóranse á área sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Nova fin de semana sen médicos en Baltar, Cambados e O Grove
Por Redacción |
-
Alertan dun aumento das agresións a médicos, "a quen a poboación achaca os problemas de asistencia"
Por Redacción & Cristina Saiz |