José Sanmartín repetirá como candidato do PSdeG-PSOE de Barro nas municipais
Por Redacción
O secretario xeral dos socialistas de Barro, José Sanmartín, foi proclamado por unanimidade como candidato á alcaldía do municipio. Foi na asamblea extraordinaria que o PSdeG-PSOE celebrou este xoves.
Sanmartín agradeceu a confianza depositada polos compañeiros da agrupación co obxectivo de "volver a gobernar Barro" tras un mandato no que "se botou moito en falta a presencia socialista nas políticas municipais".
Neste sentido, o candidato socialista comprometeuse a asumir o reto "coa máxima ilusión e con máis gañas de traballar que nunca para que Barro medre en servizos e sexa un lugar mellor para vivir".
A presentación pública da súa candidatura terá lugar o próximo 18 de novembro, ás 20:00 horas, nun acto aberto á cidadanía que, en función das condicións meteorolóxicas, se celebrará na Praza do Viño ou no Centro Cívico.