Adxudicada a obra para mellorar a seguridade viaria en Chancelas
Por Redacción
A Xunta de Goberno do Concello de Poio vén de aprobar a adxudicación do proxecto para impulsar a mellora de servizos básicos e da seguridade viaria no lugar de Chancelas. Os traballos, que serán executados pola empresa EC Casas, contarán un orzamento que ascende a 98.743 euros.
O concelleiro Gregorio Agís, acompañado polo edil de Obras, o tamén socialista Julio Casás, visitou unha das zonas nas que se acometerá a actuación, que se centrará fundamentalmente no Camiño Real, entre os de A Bouza e Urxeira. Esta actuación finánciase a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Agís e Casás resaltan que este proxecto pretende dar resposta ás demandas veciñais, xa que se trata dunha zona de tránsito habitual por parte das persoas residentes nas inmediacións.
“A día de hoxe o firme está moi deteriorado, algo que se debe tanto ao tránsito rodado como á acumulación de auga nas épocas de choiva”, apunta o concelleiro de Urbanismo, que garante que as obras solucionarán o problema, dotando á zona de servizos básicos e acometendo medidas para o calmado de tráfico.
Unha vez asinado o contrato, o Concello estima que as obras comezarán en breve. A actuación levarase a cabo nunha superficie que chega ata case os 500 metros de lonxitude, contemplándose o asfaltado nunha extensión de preto de 2.300 metros cadrados. O proxecto contempla a dotación de cunetas de evacuación de augas pluviais, ademais do mencionado reasfaltado, que tamén servirá para mellorar o acceso ás parcelas agrícolas existentes na zona.
A maiores, instalarse unha plataforma para o tránsito rodado de 4 metros de anchura, ademais dunha senda peonil. “Desta maneira, acadamos unha integración sostible das parroquias de Samieira e Combarro en xeral e dos núcleos de Camiño Urxeira e Camiño da Bouza en particular”, apunta Gregorio Agís, que recalca que as obras “conferirán a este tramo dunhas características especiais, que fomentarán o transporte sostible e o calmado do tráfico existente”.
Esta actuación, lembra o concelleiro de Urbanismo, vai en consonancia co establecido no Plan de Mobilidade Urbanística Sostible (PMUS) para esta zona. O documento, aprobado en 2019 polo Goberno local, contempla, precisamente, a dotación de sendas peonís.
Relacionadas:
-
Buscan solucións para evitar que o alumnado de 3 a 5 anos do CEIP de Chancelas colla o transporte na PO-308
Por Redacción |
-
Avanza o bo ritmo a obra no Camiño Real
Por Redacción |
-
Gregorio Agís informa á veciñanza sobre o proxecto de mellora integral de Ramón Encinas
Por Redacción |
-
O Camiño Casás de Combarro será máis ancho para facilitar o paso de peóns e vehículos
Por Redacción |