Poio renova con Idades o contrato do servizo de axuda no fogar
Por Redacción
A empresa pontevedresa Idades SL seguirá prestando o servizo de axuda no fogar en Poio. Será a través dun novo contrato de dous anos, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais. O orzamento total ascenderá a máis de tres millóns de euros.
Así o determinou o pleno da corporación municipal, que aprobou a adxudicación deste servizo e culminou así un proceso de licitación iniciado hai uns meses.
O novo contrato fixa que o prezo por hora do servizo será de 18,34 euros. En total, ao mes se ofrecerán aos usuarios do servizo ata 3.350 horas de prestación, das cales 3.000 corresponderán a dependencia e as 350 restantes a libre concorrencia.
Unha das principais novidades que inclúe o novo contrato é o incremento na partida achegada pola administración local. Este incremento será de máis de 278.000 euros por anualidade.
Deste xeito, o Concello pasa de asumir o 12% dos custes ao 42% unha vez se asine o documento o que, segundo a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Fernández, "redundará nunha mellora importante do servizo".
A día de hoxe, o servizo de axuda no fogar de Poio conta con máis de 70 usuarios no municipio.
Rosa Fernández recorda que aquelas familias interesadas en obter información sobre este servizo poden asesorarse chamando á Casa Rosada, a través do número de teléfono 986 87 24 01.