Pontevedra aproba en pleno o seu PMUS co rexeitamento silencioso do PP
Nin un segundo de debate. Coa única intervención do edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, que defendeu as bondades do novo plan de mobilidade urbana sostible (PMUS), Pontevedra aprobou en pleno o documento que marcará o futuro máis inmediato da cidade.
O PP, que fora moi crítico con este PMUS en semanas previas, optou por non intervir na sesión plenaria, manifestando o seu rexeitamento unicamente co sentido do seu voto. O edil non adscrito, Goyo Revenga, pola súa banda, aliouse co goberno municipal e votou a favor.
Durante o seu defensa deste plan, Demetrio Gómez destacou que o PMUS supón un "cambio de paradigma" para Pontevedra, ao ordenar toda a mobilidade da cidade "para que ninguén sexa expulsado do espazo público".
Pontevedra, segundo o concelleiro do BNG, hai xa dúas décadas decidiu "rachar un círculo vicioso", ao comprender que "canto máis se promociona o tráfico motorizado, máis violento, inhóspito e deshumanizado é o espazo público". Seguir esta filosofía, dixo, é a base deste plan.
Faino con medidas, que a xuízo de Gómez Junquera, "son sinxelas". Entre elas, destacou reducir o tráfico ao "estritamente necesario" e que non ocupe máis espazo "do imprescindible", limitando a velocidade para que a circulación na cidade "non sexa agresiva".
Mellorar o sistema de aparcamentos disuasorios, aumentar en 4.000 metros cadrados cada ano as áreas peonís, promocionar o transporte público e a bicicleta, dotar de maior calidade ás contornas escolares ou mellorar as infraestruturas viarias son algúns dos seus obxectivos.
A iso, Demetrio Gómez sumou o aspecto clave deste PMUS, a creación dunha zona de tráfico reducido en todo o centro urbano e os barrios do Burgo, Monte Porreiro e Estribela, que "é a súa mellor contribución para alcanzar a maior calidade urbana".
"É un documento pegado á realidade e con capacidade para mellorar", sentenciou o responsable municipal de Mobilidade.
CAMPO DE SALCEDO E OS OKUPAS
Nesta sesión plenaria, tamén sen apenas debate, tratáronse dúas mocións presentadas polo PP, unha delas para que se inicien as obras do campo de fútbol de Salcedo que, segundo os populares, "segue estando no caixón" e acumula atrasos "inxustificados".
Tras unha emenda do goberno municipal, esta proposta aprobouse por unanimidade. "Estamos a dar os pasos necesarios", sinalou o edil de Deportes, Tino Fernández, que tras "inconvenientes cos que non contabamos" confía en ter o campo terminado en 2023.
Peor sorte correu a moción presentada pola concelleira Pepa Pardo ante o problema "creciente y preocupante" da okupación en España. Entre outras cousas, o PP pedía instar o Goberno estatal a aprobar o desaloxo inmediato dos okupas "en un máximo de 24 horas"
Socialistas e nacionalistas rexeitaron apoiar esta moción porque "pide apoio para a campaña do PP", segundo Carmen Da Silva, e porque supoñía un "intento de distorsionar o pleno" e é unha mostra da "falta de ideas do que necesita Pontevedra", apostilou Fernández.
Relacionadas:
-
Pontevedra expón a súa zona de baixas emisións no Colexio de Enxeñería de Camiños en Madrid
Por Redacción |
-
Greenpeace presenta o documental "REinventando Pontevedra" no que sinala á Boa Vila como "exemplo a seguir"
Por Oskar Viéitez |
-
Salcedo, sen campo novo dous anos despois da cesión dos terreos
Por Redacción |