Rafa Domínguez, na súa posta de longo como candidato á alcaldía: "Non podemos permitirnos seguir botando empresas"
Por Redacción
Rafa Domínguez viviu este sábado a súa posta de longo como candidato á Alcaldía de Pontevedra. Participou, xunto con Marta Fernández-Tapias (Vigo), Miguel Lorenzo (A Coruña), Manuel Cabezas (Ourense), Elena Candia (Lugo), Borja Verea (Santiago) e José Manuel Rey (Ferrol) na presentación dos candidatos do PP nas sete cidades galegas.
No acto, presidido polo presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, no multiusos Fontes do Sar de Santiago, avanzou algunha das súas propostas para Pontevedra no próximo mandato, nas que a economía cobra gran importancia.
"Aspiramos a ser unha cidade que favoreza a creación de emprego, traballando para deixar de ser unha das urbes galegas con maior taxa de paro", indicou Domínguez, que alertou de que a taxa de desemprego é especialmente alta entre mulleres e novas.
O candidato pontevedrés aproveitou para facer unha mención velada Ence, que nestes momentos está pendente dunha sentenza do Tribunal Supremo para a súa permanencia en Lourizán, e sinalou: "Non podemos permitirnos seguir botando empresas.
Ademais, apostou por implementar un plan de tráfico que "solucione os constantes atascos" que hai na cidade e lembrou que o peche "ilóxico" de rúas como Raíña Vitoria ou os cambios de sentido nas vías de acceso ao centro da cidade "dificultan o día a día dos pontevedreses e das persoas que nos visitan".
Tamén fixo mención ao deporte, sen o que "a nosa cidade non se pode entender" e manifestou que é necesario seguir proxectando a Pontevedra como sede de grandes eventos, pero tamén estar atentos ás bases dos equipos da cidade. "É fundamental que os nosos mozos teñan todas as facilidades para poder practicar o deporte que queiran" insistiu.
Entre as propostas de Domínguez tamén figura a importancia da redacción dun novo Plan Xeral de Ordenación Urbana que proxecte a cidade do futuro. Nel, "a cidade ten que abrirse á ría e deixar de darlle as costas".
Rafa Domínguez manifestou que a súa candidatura ofrece "ilusión, xestión e traballo" fronte a proxectos que "xa se esgotaron" como o do BNG de Miguel Anxo Fernández Lores.
Relacionadas:
-
O PP brinda en Nadal defendendo que "outra Pontevedra é posible"
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez presenta o seu plan de acción para as municipais: "Salimos a por la mayoría"
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez: "fun unha vez aos touros con 15 anos e xurei que non volvería máis"
Por Anxo Lourido |
-
O Comité electoral do PP de Pontevedra propón a Rafa Domínguez como candidato á alcaldía
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez promove unha xunta directiva ampla e "con representación de todas as opinións"
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez anuncia a súa candidatura para seguir presidindo o PP: "a miña intención é ser alcalde"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |