Teresa Táboas: "Pontevedra tense que marcar novos retos, como a conexión do territorio rural e urbano, os residuos ou a conexión co río e a ría"
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A décima edición do Encontro Nacional de Deseño (EDAN) comezou este venres en Pontevedra coa participación, nunha das mesas de debate que inclúe o programa, da arquitecta espacialista en urbanismo, Teresa Táboas.
"Pontevedra estase convertendo nunha cidade que está xerando debates. Hai pouco estivo o Placemaking, agora a rede de Deseño. É un importante centro de debate para amosar outras formas posibles de afrontar o futuro", destacou a membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos.
Doutora en arquitectura e profesora, Táboas foi tamén conselleira de Vivenda entre 2005 e 2009.
A súa participación neste congreso, que se celebra no edificio Castelao do Museo de Pontevedra os días 21 e 22 de outubro, serviu para falar sobre a transcendencia que terá no ámbito do urbanismo e a loita contra a emerxencia climática o congreso mundial de arquitectos que terá lugar o próximo ano en Copenhague, "unha das cidades banderia na aposta polas cuestións medioambientais", remarcou.
Con todo, aproveitou a súa visita a Pontevedra polo EDAN para falar do momento de efervescencia que atravesa estes días o deseño das cidades.
"É un momento histórico, estamos nun cambio de paradigma. A pandemia e a crise climática acelerou un proceso que se viña dando desde hai tempo con novas propostas arredor da cidade e dous territorios desde ou deseño, con deseñadores que están a pensar en outros mundos mellores", detallou a arquitecta comparando o momento actual coa época de finais do século XIX no que se expuxeron "cidades utópicas para que a xente vivira mellor".
Logo chegou a época do formigón e o deseño quedou nun segundo plano. Unha situación xa superada. "Agora somos conscientes de que a cidade hai que plantexala desde unha visión poliédrica: cuestións ambientais, de residuos ou de subministracións", valora Táboas.
E nestes aspectos "Pontevedra si que é un referente", asegura a relatora poñendo como exemplo "medidas contundentes como peonalizar ou reducir a velocidade dos coches".
Pero é na recuperación do espazo público para os peóns no que pon o foco Táboas. "É onde se xera a cohesión social. Se todo é un transporte privado desde o teu coche e non convives tampouco es capaz de xerar cambios na sociedade, porque as grandes revolucións da historia danse no espazo público. Que Pontevedra o recupere como espazo de convivencia e debate é moi importante e se converteu nun modelo. Por iso ten o mérito que ten", sostén.
Con todo, aínda queda moito camiño por percorrer. "Hai que marcar outros retos", aconsella a arquitecta poñendo como exemplo "a conexión do territorio rural co urbano, o tema dos residuos ou a conexión co río e a ría, aínda que está o elemento celulosas que interrompe esa conexión. Agardo que se siga traballando no bo camiño", rematou Teresa Táboas.
A membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos compartiu espazo con Carlos García de Too Good To Go, un movemento contra o desperdicio de alimentos; Karen Oetling de Space 10, o laboratorio de investigación e deseño de IKEA; Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación. Cada un deles expuxo as liñas mestras dos proxectos nos que están a traballar antes de sentar nunha mesa redonda para debater sobre o camiño que deben tomar as cidades do futuro, cunha especial atención á situación climática.
Antes tivo lugar a conferencia dos chilenos Tamara Pérez e Guillermo Parada, do estudo GT2P, que viaxaron desde o seu país a Pontevedra para asistir ao 10ENAD e falar de artesanías dixitais que mostran a través dos seus proxectos en arte pública e deseño.
Á inauguración do Encontro Nacional de Deseño acudiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que estivo acompañado pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías. O rexedor mostrou o seu agradecemento por escoller á Boa Vila como escenario para esta reunión de profesionais e fixo fincapé na importancia do deseño dentro da evolución das cidades modernas.
"Facer unha cidade para as persoas e non para os coches", foi o resumo feito por Fernández Lores nun discurso inaugural no que falou, a pedimento dos asistentes, da transformación de Pontevedra nas últimas décadas.
Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, animou aos deseñadores para rexistrarse no Mapa de Provedores do Deseño Galego, unha plataforma que conecta a oferta de servizos do sector coa demanda empresarial; e referiuse tamén ao Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024, que foi concibido como unha iniciativa compartida que apoia o labor dos axentes do ecosistema do deseño ou que cre na importancia de crear unha rede.
Relacionadas:
-
'Transitar o impensable, un espazo para reflexionar sobre cidade, deseño e feminismo
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Deseñadores de toda España manterán en Pontevedra o seu encontro anual, centrado en como "repensar a cidade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O espírito 'placemaking' invadirá Pontevedra con máis de 400 expertos en deseño urbano
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |