Os negocios pontevedreses apértanse o cinto para afrontar subidas da luz superiores ao 200%
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Corren tempos difíciles para os autónomos. A inflación reduce o consumo e aumenta os gastos fixos duns negocios que capean o temporal económico como poden. As materias primas, o transporte, os provedores ou os alugueiros subiron de prezo, pero é o custo da enerxía o que pegou unha subida insostible para moitos pequenos empresarios de Pontevedra.
No último ano, o importe das facturas da luz, que nunca foi barato, multiplicouse por dous e, nalgúns casos, chegouse a cuadriplicar. Os sectores da hostalería, os salóns de peiteado ou as panaderías son dos máis castigados nunha cidade na que as empresas de conxelados, tinturerías, lavanderías ou conserveiras viron tamén moi reducidas as súas marxes.
O uso de secadores, ferros ou termos para quentar a auga que sae das billas é habitual nos salóns de beleza e, por iso, a factura encareceuse no último ano máis do dobre. "E non só a luz, tamén se nos encareceron todos os produtos", puntualiza Ana Barros, propietaria do salón de peiteado que leva o seu nome e que é unha das de maior tradición en Pontevedra.
Polo momento, a emprendedora trata de capear o temporal, pero pronto terá que poñerse a facer números para comprobar a viabilidade do seu negocio neste contexto de inflación. "A final de ano faremos balance pero seguramente teremos que actualizar os prezos porque agora non temos beneficios", recoñece. O prezo dalgúns servizos, sobre todo os que requiren un maior consumo de electricidade, xa tivo que revisalos á alza.
"A luz que estou a pagar agora é do dobre que hai un ano, pero cheguei a pagar tres veces máis. Agora estabilizouse un pouco pero sigo pagando de máis. Ata me tiven que cambiar de compañía", explica Barros.
Denuncia a empresaria que esta nova freada únese á da pandemia, "xa que aínda estamos a arrastrar a crise do covid". Unha situación que se aliviaría se o Goberno tivese a ben saldar unha débeda histórica con este sector, que pasa por reducirlles o IVE, que agora é do 21 %. Un tipo impositivo demasiado alto para un servizo cualificado como de primeira necesidade durante a pandemia e ao que xa lle prometeron unha baixada que nunca se chegou a efectuar.
Aínda que Ana Barros seguirá loitando por manter a súa empresa á boia, recoñece que se esta situación se prolonga será insostible. "Eu teño 34 anos de traxectoria e non quero que os meus últimos anos sexan así. Non quero botar traballadoras, nin traballar para perder diñeiro", proclama a emprendedora.
Ao bordo do precipicio está tamén a industria do pan. "O noso sector está moi fastidiado porque estamos na tormenta perfecta. Por unha parte, as fariñas subiron case un 50 %, o coste enerxético de todo é esaxeradísimo e, aínda por riba, o consumidor tamén se ve afectado", detalla Dani Pampín, propietario da panadería Amásame, os tres piares da crise que afecta o sector da panadería.
"É a primeira vez que non se gañan cartos no noso sector. Esa é a realidade", recoñece con incredulidade.
A inflación das materias primas, do transporte e da enerxía provocou un feito insólito. "Estamos movendo os prezos a un ritmo vertixinoso que nunca pasara. O normal no pan é subir o prezo unha vez ao ano, pero aquí estivemos cinco anos sen subilo. E neste ano tivemos que subir xa tres veces e o ano que ven non o auguro mellor", confesa o panadeiro.
Unha das subidas que levaron ao seu negocio ao límite foi a da luz. "Case a cuadriplicamos", remarca. "O noso obrador orixinal está en Eduardo Pondal, alí faciamos practicamente todo e pagabamos entre 800 e 1.200. Estamos pagando últimamente 4.000 e pico ao mes, é unha auténtica esaxeración. E levamos aguantando así dez meses, xa non sei como tanto demos aguantado", relata o empresario.
Dada esta situación, non lle quedou máis remedio a Pampín que tomar unha decisión drástica. O traslado á rúa da Santiña, ao obradoiro orixinal desta familia de panadeiros."Viñemos para o obradoiro familiar, para unirnos e acurtar prezos uns e máis os outros. Non queremos dentro dun ano ter que cerrar ou pedir un crédito para pagar gastos fixos", sinala.
Os efectos xa se están notando tamén no consumo. "A xente non se queixa pero consume menos e eu o entendo. Ao final vas ao necesario, o pan é de primeira necesidade, pero o croissant ou a empanada non, por iso merco unha cada cinco días. Non te podes permitir outros luxos", argumenta Pampín.
Tamén eles estanse apertando o cinto. "Vir para aquí é unha medida de aforro porque aforramos moitísimo en custe, aforramos tamén nun empregado moi ao noso pesar e coidamos moitísimo os custos de producción, xa o faciamos pero agora facémolo por tres", remata Pampín.
A hostalería non é allea tampouco ao elevado prezo deste servizo de primeira necesidade. "O da luz é unha tolemia", resume Edén Abal, xerente da Estafeta.
Con todo, neste sector poucas medidas poden adoptar para mitigar a alza dos prezos. "Os servizos temos que seguir dándoos igual", asume con resignación. Actualizar os prezos tampouco é unha opción se non desexan castigar aínda máis o peto dos clientes.
A única medida que queda é buscar o aforro enerxético. "Renovamos neveiras e conxeladores para comprar outros moito máis eficientes, tivemos que xubilar os vellos aínda que poderían aguantar algúns anos máis", explica o hostaleiro.
A pesar destes esforzos, a factura da luz non deixa de subir. "Estamos a pagar o dobre do habitual, pero ás veces mesmo máis e outras algo menos. Eu xa nin entendo as facturas máis aló da subida", lamenta o empresario farto, igual que o resto de compañeiros do seu gremio, de acudir ás oficinas para pedir explicacións sen obter ningunha resposta satisfactoria.
Apertar o cinto, controlar os gastos e reducir marxes de beneficios son as medidas máis comúns adoptadas entre o empresariado pontevedrés. Con todo, todos apuntan a unha subida de prezos nun futuro moi próximo. Un camiño que non queren tomar pero ao que ven abocados pola imparable escalada dos gastos fixos dos seus negocios.
Relacionadas:
-
Briquetas para alimentar o forno, a solución de Panadería Acuña fronte á imparable suba do gas
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Chega a Pontevedra o "Plan Marshall" da rehabilitación enerxética de vivendas e edificios
Por Redacción |
-
Un plan de choque de 700 millóns, proposta do BNG para compensar a alza dos prezos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Asfixiados polo prezo da luz: "A factura subiume un 40% na cafetería e outro tanto na casa"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |