A facultade da 'Boa Cidadanía Canina' iniciará en novembro o seu terceiro curso académico
Por Redacción
Formar e concienciar á cidadanía sobre as responsabilidades que implica o coidado das mascotas, na busca dunha convivencia cívica entre humanos e animais, e impulsar promocións de cans e cadelas equilibrados e ben educados, son algúns dos principais obxectivos cos que a Concellería de Benestar Animal lanza a 3ª edición do curso 'Bo Cidadán Canino, Boa Cidadá Canina'. Nunha iniciativa absolutamente pioneira a nivel nacional, as aulas poranse en marcha o xoves 3 de novembro e estruturaranse en dous grupos: un de cachorros (para cans entre os 3 e os 8 meses), cun total de 10 prazas, e outro de adultos (para de 8 meses en adiante), con 15 prazas.
O curso terá unha duración de tres meses (ata xaneiro de 2023) e as clases serán impartidas tódolos xoves de cada mes. "A de cachorros -explica o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey- desenvolverase en horario de 20:30 a 21:30 horas, sempre nas instalacións que o club DivertiCans ten no lugar de Couso (Lérez), mentres que a de adultos realizarase entre as 21:30 e as 22:30 horas e alternará o campo de Lérez con outros emprazamentos pola cidade. As aulas incluirán contidos prácticos e teóricos, asignando aproximadamente media hora a cada parte e remitindo aos alumnos os apuntes en formato pdf ou audiovisual".
En ámbolos grupos impartiranse conceptos semellantes, se ben nas clases de cachorros prestarase especial atención á socialización, así como á prevención de calquera tipo de problema condutual. Poranse en marcha grupos de whatsapp coa finalidade de mellorar a organización das aulas (medio polo que se farán chegar os apuntes), recomendaranse lecturas durante todo o curso e en cada clase efectuarase un repaso do xa explicado.
Todas aquelas persoas e cans que desexen participar poderán anotarse de balde desde o luns 17 ata o luns 24 de outubro a través do enlace apuntate.pontevedra.gal (pódese solicitar máis información no teléfono de contacto 627 937 281).
GUIÓN DO CURSO:
- Xoves 3 de novembro. Introdución e valoración dos cans. Indicarase aos asistentes o material recomendado: arnés en forma de H ou Y. Correa de paseo de 2 metros, correa para traballar a chamada de 10 metros, mochila e tipos de premios a empregar.
- Xoves 10 de novembro. Práctica: clicker e fío ou luring. Teoría: a dominancia.
- Xoves 17 de novembro. Práctica: target estático e dinámico. Teoría: os instintos (prestando especial atención ao instinto de caza).
- Xoves 24 de novembro. Práctica: sentado e tumbado. Teoría: órganos dos sentidos.
- Xoves 1 de decembro. Práctica: quieto. Teoría: comunicación canina I (escala de comunicación).
- Xoves 8 de decembro. Práctica: non tirar da correa e traballo do xunto. Teoría: comunicación canina II (escala de comunicación).
- Xoves 15 de decembro. Práctica: a chamada I. Teoría: o estrés e o medo I.
- Xoves 22 de decembro. Práctica: a chamada II. Teoría: o estrés e o medo II.
- Xoves 29 de decembro. Práctica: o cobro. Teoría: condicionamento clásico e instrumental.
- Xoves 5 de xaneiro. Práctica: estimulación ambiental e propiocepción. Teoría: habituación, inundación, desensibilización e contracondicionamento.
- Xoves 12 de xaneiro. Práctica: agility. Teoría: castigos e reforzamentos.
- Xoves 19 de xaneiro. Práctica: olfacto. Teoría: control polo estímulo e polo impulso.
- Xoves 26 de xaneiro. Resumo, repaso, dúbidas e agradecementos.