O PP pedirá que o Concello financie viaxes e estancias de estudantes de 3º da ESO en Reino Unido para que aprendan inglés
Por Anxo Lourido
A corporación de Pontevedra debaterá no próximo pleno a moción do Partido Popular que este venres presentaba o seu portavoz Rafa Domínguez. A iniciativa reclama ao Concello de Pontevedra que estableza un plan con fondos públicos para que os estudantes de catorce anos poidan pasar tres semanas en Gran Bretaña ou en Irlanda para mellorar o seu nivel de inglés.
A proposta popular sinala que o Concello tería que facerse cargo de todos os gastos no caso de familias cun membro en paro, familias monoparentais ou monomarentais e para aquelas familias en en unidade familiar conten cunha renda per cápita por baixo de 15.000 euros. No caso de que as familias superen esa cifra terían que pagar o 25% da viaxe. O aloxamento sería cunha familia nativa, en réxime de pensión completa ao longo de tres semanas durante o verán.
Dentro dos gastos que tamén asumiría o Concello se establecen monitores bilingües que acompañarían aos estudantes cunha proporción dun monitor por cada dez alumnos; a matrícula nun curso intensivo de mellora de lingua inglesa; materiais para as actividades do curso e certificado acreditativo; ademais de actividades culturais e deportivas extracurriculares durante a estancia.
Segundo os cálculos expostos por Rafa Domínguez, o custo da viaxe é de 2.700 euros e, desta forma, as familias con rendas per cápita por encima de 15.000 euros terían que achegar 675 euros, mentres que o Concello asumiría o resto de pagos de viaxe e estancia. Os populares sinalan que en total o Concello achegaría 900.000 euros, unha cifra que para Domínguez é "máis que aceptable" nun orzamento municipal de 128 millóns de euros.
Este programa iría destinado a alumnado empadroado en Pontevedra que curse terceiro da ESO con todas as materias aprobadas do curso anterior. Rafa Domínguez prevé que ao redor de 300 estudantes podrían beneficiarse con este plan. En todo caso, manifestou que se trata dunha proposta aberta a negociación co BNG e o PSOE coa posibilidade de variar o número de prazas.
Domínguez afirma que esta iniciativa de inmersión lingüística en inglés estaba previsto que se presentase como unha promesa electoral do PP para os próximos comicios pero decidiu levala ao pleno este mes co obxectivo de que se aprobe e así poida estar en marcha o próximo ano. A súa idea é que se repita en próximos cursos entre o alumnado de 3º de ESO co financiamento municipal.
O presidente local do PP recoñeceu que esta idea xa se desenvolve no Concello de Vigo, onde goberna o socialista Abel Caballero, cunhas características similares. Indicou que este plan permitiría á mocidade pontevedresa obter "vantaxe competitiva" respecto a outros alumnos da contorna.
Relacionadas:
-
O pleno do "non é non, porque vén do PP"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP reclama ao Concello de Pontevedra medidas para favorecer o emprendemento
Por Oskar Viéitez |
-
A Seca, punto de inicio das visitas aos barrios do PP local
Por Redacción |
-
Pontevedra está "sucia", segundo Domínguez, pola "insolvencia" dun goberno "agotado"
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez reúnese con repartidores a domicilio para buscar solucións que faciliten o seu traballo
Por Redacción |
-
O pleno de Pontevedra dá o pistoletazo de saída á campaña "preelectoral"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |