"ENCE queda agora absolutamente en precario"
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xusticia de Galicia dá a razón ao Concello de Pontevedra ao estimar o seu recurso contra o Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal, da Xunta, que autorizaba unha fábrica de papel tisú no complexo industrial de Ence, en Lourizán.
O concelleiro de ordenación do Territorio, Cesáreo Mosquera (BNG), compareceu nunha roda de prensa urxente tras ser notificado do fallo o grupo de goberno municipal. Mosquera lembrou que este proceso xudicial, iniciado no ano 2003, supón outro pronunciamiento máis contra aquela actuación da Xunta e Ence, tamén recorrida pola Asociación para a Defensa da Ría.
O responsable municipal de infraestructuras entende que tras esta sentenza "ENCE queda agora absolutamente en precario" ao recoñecer o alto tribunal galego que "o asentamiento é profundamente inadecuado e non cumpre a normativa que ten que cumprir", explicou o concelleiro.
Segundo Mosquera a sentenza tamén "desmonta absolutamente a tese que fixo súa o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández" que aseguraba que a Xunta publicará "correctamente" o proxecto sectorial de Ence para que "adquira plena vixencia".
A sentenza do TSXG segundo o edil nacionalista aboca á fábrica de Celulosas e á clorera ELNOSA "a unha saída pacífica e ordenada dá ría e Pontevedra".
De rebote, se desbloquea un dos escollos do novo Plan Xeral de Ordenación municipal da capital xa que a Xunta instaba a que Ence aparecese no PXOM como área industrial e a vixencia do proxecto sectorial do 2003 impedía que os terreos poidan figurar como "zona a recuperar".
Anulado o proxecto sectorial a Xunta quédase sen argumentos legais para impedir que o concello contemple os terreos de ENCE como zona verde.
Relacionadas:
-
A Xunta recorre a sentenza que anulaba o Plan Sectorial de ENCE
Por Natalia Puga |
-
O Concello pide aclaracións sobre a sentenza de Ence
Por Oskar Viéitez |
-
Pedirán no Parlamento que ENCE marche "si ou si" da Ría de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta afirma que a sentenza do TSXG sobre Celulosas "non aporta nada"
Por Oskar Viéitez |