Un documental para "descubrir os tesouros" da Xunqueira de Alba e a Illa do Covo
Por Alejandro Espiño
Descubrindo o ENIL da Xunqueira de Alba. Ese é o título do documental de natureza que invitará aos espectadores a "descubrir os tesouros" deste espazo natural e tamén da Illa do Covo.
Impulsado polo departamento municipal de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, é unha peza audiovisual realizada polo pontevedrés Fernando Portela que busca dar e coñecer e poñer en valor a riqueza ambiental de dous dos principais espazos naturais de Pontevedra.
Este traballo, centrado nas contornas, a fauna e a flora da Xunqueira de Alba e da Illa do Covo, coñecida como Illa das Esculturas, conta coas intervencións dos biólogos Saleta González e Vítor Xosé Cabaleiro, o naturalista José Rodrigo Dapena e o veciño de Lérez Benigno García.
A este proxecto, o Concello destinou unha achega de case 18.000 euros, dos que case 8.000 saíron dunha subvención do GALP a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca da UE.
O edil de Medio Natural, Iván Puentes, destacou na súa presentación que o documental ten unha dobre finalidade, promocionar turisticamente este espazo e, desde un punto de vista educativo, mostrar toda a riqueza biolóxica e ecolóxica que ten este espazo natural.
A estrea do documental terá lugar en vindeiras datas cun pase aberto ao público, que incluirá un acto de presentación e un coloquio posterior, e que a súa intención é a de distribuílo entre os centros educativos "para que os profesores poidan traballar con el nas aulas".
Ademais, estará dispoñible nas canles do Concello e Visit Pontevedra en YouTube.
O realizador Fernando Portela indicou que este traballo, o primeiro de carácter documental que se elabora sobre a Xunqueira de Alba e tamén o primeiro que realizou sobre natureza, foi o resultado de cinco meses de gravación "nada sinxelos".
Miguel Riaño, o seu produtor, destacou pola súa banda a necesidade de facer certa pedagoxía e de poñer en valor estes espazos mediante un formato "asumible, asequible e que xere máis interese" para que a cidadanía comprenda a súa importancia.
"Moitas veces pasamos preto da xunqueira, achegámonos de diferentes maneiras, pero non nos paramos a valorar esa biodiversidade que ten e esta peza representa visualmente de xeito moi fiel o que podemos atopar nela", sentenciou.
Relacionadas:
-
O BNG propón á Xunta que negocie co Concello para buscar terreos para o traslado das súas instalacións na Xunqueira de Alba
Por Oskar Viéitez |
-
A reparación dunha das pontes de madeira da Illa das Esculturas custará máis de 19.000 euros
Por Redacción |
-
Pontevedra traza unha "revolución verde e azul" con 20 millóns para que os seus ríos "non estean illados"
Por Alejandro Espiño |