Nova vida para a Casa do Priorado
Por Redacción
Turismo de Sanxenxo ultima o proxecto de recuperación da Casa do Priorado, situada no lugar de Arra (Adina), para convertela nun centro de interpretación de usos e oficios tradicionais.
"Trátase do enclave idóneo para expoñer a transcendencia do traballo que historicamente desempeñaron os labregos, especialmente as mulleres do rural galego, e enxalzar deste xeito o papel que desempeñaron e desempeñan aínda hoxe en día", sinalou a alcaldesa e presidenta da sociedade mixta, Catalina González.
O plan que a empresa formada polo Concello de Sanxenxo e o CETS presentará á convocatoria de subvencións do Grupo de Desenvolvemento Rural do Salnés contempla pois levar a cabo traballos na edificación como a substitución da cuberta e a restauración das fachadas, así como mellorar a accesibilidade ao inmoble para as persoas de mobilidade reducida e dotala das instalacións necesarias para obter unha maior eficiencia enerxética.
"Trátase dunha edificación propia do rural galego que amosa as características das casas representantes das explotacións agrarias herdadas do feudalismo e polo tanto conta en si mesma cun valor e interese turístico que debemos aproveitar", sinalou a alcaldesa, quen adiantou que o espazo expositivo albergará unha mostra do variado patrimonio etnolóxico e agrario da comarca do Salnés.
Pero ademais, o Goberno local pretende que o inmoble actúe como un centro de dinamización a través da recuperación dos oficios tradicionais do rural "para reconvertelos en fórmulas de traballo que poidan dar pé a novos proxectos emprendedores", apuntou Catalina González. E é que, ao igual que acontece na Casa Mariñeira de Portonovo, a Casa do Priorado dispoñerá dunha zona destinada á celebración de talleres e cursos.
"Este centro cumprirá unha dobre función en canto que permitirá poñer en valor as nosas tradicións, vinculadas ao entorno labrego, é incorporalas á oferta turística deste concello que e o de maior proxección exterior de Galicia despois de Compostela", afirmou a rexedora local. Á súa vez, González destacou un terceiro labor en canto a que "as actividades que desenvolveremos na Casa do Priorado irán encamiñadas a facer delaz unha opción de futuro".
Relacionadas:
-
185.000 euros para rematar a rehabilitación do Priorado de Arra e convertelo nun centro sociocultural
Por Redacción |
-
O Priorado de Arra acollerá un albergue e incluirase na Ruta Sarmiento
Por Redacción |
-
Ultiman a licitación da reforma do pavillón de Vilalonga e a Casa do Priorato
Por Redacción |
-
A primeira fase do centro de oficios tradicionais da Casa do Priorato de Sanxenxo custará 190.579 euros
Por Redacción |