Dous menores arrepentidos confesan a súa gamberrada e ofrécense a reparar os danos na Capela do Balneario
Por Oskar Viéitez
Despois de informar á opinión pública o acto vandálico sufrido pola Capela do Balneario, en Ponte Caldelas, o propio luns pola tarde dous menores de idade confesaron ser os autores desta canallada e mostraron o seu arrepentimento, tal e como sinalou o Concello.
Estes dous menores asaltaron o interior da capela, que é de propiedade municipal, e pintaban de negro os rostros de varias imaxes "pintaron de negro a cara aos santos, fixeron pintadas e ata deixaron as 'firmas'", indicou o alcalde Andrés Díaz.
Pero non só asañáronse coa imaxe da Virxe de Fátima, a do Cristo do Sagrado Corazón e a de San Roque, tamén pintaron os manteis do altar e nunha das paredes fixeron a pintada "Los putos amos Jorge y Álex" así como na fachada da Capela onde escribiron "puta".
"Tolerancia cero co vandalismo" pedía Andrés Díaz nas súas redes sociais á vez que anunciaba que xa dera conta destes feitos á Garda Civil e pedía colaboración veciñal para dar cos autores.
Pero eles mesmos confesaron ser os autores do acto vandálico e tamén "se comprometeron a limpar os santos, o mantel e as paredes para devolvelos ó seu estado orixinal".