Uns vándalos pintan de negro as caras das imaxes da Capela do Balneario
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, ven de informar este luns nas redes sociais un acto vandálico "intolerable" na Capela do Balneario que é de titularidad municipal. Uns vándalos "pintaron de negro a cara aos santos, fixeron pintadas e ata deixaron as 'firmas'", indicou o alcalde.
"Tolerancia cero co vandalismo" engade Andrés Díaz que xa deu conta destes feitos á Garda Civil, "que tomarán as pegadas dactilares".
Como se pode comprobar polas fotografías que compartiu o alcalde, a imaxe da Virxe de Fátima, a do Cristo do Sagrado Corazón e a de San Roque foron pintadas cun spray de cor negra e nunha das paredes fixeron a pintada "Los putos amos Jorge y Álex" así coma nuns manteis e na fachada da Capela onde escribiron "puta".
O alcalde de Ponte Caldelas agradece a colaboración vecinal e pide que "se alguén viu algo que nolo comunique a nós ou a Garda Civil".
O Concello de Ponte Caldelas comprou no ano 2018 á Sociedade de Reestruturación dos Activos Bancarios (SAREB) a leira do balneario, na que se atopa este inmoble, por unha cantidade de máis de 230.000 euros. Trátase dun edificio con máis dun século de historia e que se atopaba en situación de abandono.
A capela acollía unha misa cada 16 de agosto con motivo da festividade de San Roque e foi escenario de numerosas vodas durante anos.
O pasado mes de marzo, rodeadas do mesmo misterio co que desapareceran había xa tres anos, dúas das imaxes da Capela do Balneario apareceron xunto á porta do templo. Trátase das tallas do Sagrado Corazón de Xesús e da Santísima Trindade.
A 'viaxe' que as tivo uns tres anos fóra da capela pasoulles factura e regresaron con danos. O Sagrado Corazón de Xesús ten unha man rota e á Santísima Trindade fáltanlle as dúas mans.
Relacionadas:
-
Críticas ao Concello de Ponte Caldelas polos danos na Capela do Balneario: "o abandono leva ao vandalismo"
Por Redacción |
-
Dúas das imaxes 'desaparecidas' da Capela do Balneario volven a casa
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas xa ten a chave da capela do balneario co obxectivo de recuperala
Por Redacción |