A concesionaria do centro deportivo de Campolongo leva o Concello ante os tribunais
Por Alejandro Espiño
A empresa BeOne, concesionaria do centro deportivo municipal de Campolongo, reclama unha compensación pola caída prevista dos seus ingresos como consecuencia da pandemia.
Para compensar estas perdas, provocadas polos meses que estivo pechado ou con aforos limitados polas autoridades sanitarias, reclamou ao Concello, a través dun plan de reequilibrio financeiro ao que ten dereito, unha indemnización de 418.550 euros.
En caso contrario, pedía que se ampliase a súa concesión para compensar esas perdas con máis anos de contrato para xestionar este complexo deportivo.
Pero, despois de que os técnicos municipais estudasen o asunto, o Concello ofreceulles condonar o aval que debe pagar por explotar estas instalacións. BeOne non pagaría as cantidades correspondentes aos anos 2020, 2021 e parte de 2022.
En total, supoñería que a empresa deixaría de pagar ás arcas municipais algo máis de 155.000 euros, un aforro que aos directivos de BeOne pareceulles escaso ante a caída de ingresos.
Así, tras descartar este acordo, a compañía deportiva optou por levar o asunto aos tribunais e presentou unha demanda perante o xulgado do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra, que deberá examinar as pretensións de ambas as partes.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, descartou a posibilidade de poder chegar a un acordo que evite chegar a xuízo, xa que o procedemento administrativo está regrado e o que existe é unha discrepancia entre cantidades que o Concello deixa en mans da xustiza.
Relacionadas:
-
Placas solares no centro deportivo de Campolongo para reducir unha factura anual "que está por riba dos 120.000 euros"
Por Diego Espiño |
-
Critican a BeOne por pedir una compensación ao Concello sen cumprir "cos incrementos salariais pactados"
Por Diego Espiño |
-
Miguel Ángel Silvestre ponse en forma en Campolongo
Por Redacción |
-
BeOne abre a porta para asumir a xestión da piscina olímpica de Pontemuiños
Por Manu Otero |
-
A piscina de Campolongo estrea un dispositivo que mide o seu rendemento e garante a súa seguridade
Por Manu Otero |