O BNG de Ponte Caldelas pide un "proxecto ambicioso" para recuperar o río Verdugo tras o desmantelamento de Ponte Inferno
Por Redacción
Con motivo do desmantelamento da presa de Ponte Inferno, no río Verdugo, o BNG de Ponte Caldelas solicita que o goberno local aproveite a situación para "presentar un ambicioso proxecto que inclúa a posta en funcionamento dunha senda que comunique a parte afectada co Camiño Sarmiento e os muíños de Taboadelo".
Isto débese a que, nestes momentos, a empresa concesionaria está a redactar o proxecto de recuperación ambiental dese espazo e, por vez primeira en Galicia, ten a obriga de negociar cos concellos e coa veciñanza.
A concesión da presa do Inferno rematou no ano 2017, pero non foi ata finais de xuño deste 2022 cando Augas de Galicia notificou a caducidade desta concesión ordenando a demolición, algo que permitirá a recuperación do río.
"Esta é unha magnífica ocasión para recuperar en todo o seu esplendor o noso medio natural e poñelo en valor. Ponte Caldelas non o pode deixar pasar e o goberno municipal debe presentar unha proposta ambiciosa que nos permita converter este espazo natural nun lugar de referencia para todos os veciños e veciñas", afirmou Sol Seoane, portavoz do grupo nacionalista.
Anima, neste sentido, a "poñerse a traballar para que a zona sexa un atractivo" e aproveitar este medio natural. "Conservémolo en boas condicións e deámoslle valor. Gañaremos todos e todas. Gañará Ponte Caldelas", concluíu Seoane.
Relacionadas:
-
Andrés Díaz quere que o edificio da presa de Ponte do Inferno sexa un centro de interpretación
Por Oskar Viéitez |
-
Caduca a concesión de Ponte Inferno e a empresa debe demoler as súas instalacións hidroeléctricas no río Verdugo
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas promove unha recollida de firmas contra os plans para intervir no Verdugo e Oitavén
Por Redacción |
-
Augas de Galicia recomenda a demolición da presa "Ponte do Inferno" do río Verdugo
Por Oskar Viéitez |
-
Visita á centenaria presa de Ponte Inferno antes de que desapareza
Por Isabel Feijóo Gallardo |